Ciudad Universitaria (Caderno da vida, 11/07/2004)

Ciudad Universitaria, Madrid, primavera en xullo do 2004. Verdor agradable, caras e corpos dunha mocidade filla da xuventude de hai trinta anos. As rapazas, eternamente femininas nas formas, pícaras no aparente desleixo estudiantil. Os rapaces, moi diferentes a como foron os pais: o pantalón longo de campá agora é curto de pirata; non hai melenas nin barbas; ningún imita o Che Guevara.
Ciudad Universitaria, trinta anos despois. Escola de Telecomunicación. Aula, medios telemáticos insoñables nos estertores do franquismo (daquela os ordenadores ocupaban metros cúbicos e a Internet aínda era un raro proxecto americano).
A mente dá un salto louco, o Zeca Afonso repite a súa “Grândola, vila morena” no salón de actos da escola. Os membros da brigada social disimulan entre os compañeiros de curso. Á saída, o paraninfo é vixiado por “lecheras” cheas de gardas a suar no gris dos seus uniformes. Con todo, corren panfletos anunciando a fin de “el enano del Pardo”. Desaparecido o “ogro” Carrero Blanco, a España espéralle o socialismo (ou o comunismo) e a república (máis ou menos federal). En Galicia vai rematar a sangría da emigración: recítao Celso Emilio nunha sala de colexio maior…
Volta á realidade. Hoxe. Os mesmos edificios. Aínda fican nos ladrillos as marcas da guerra inesquecible (cando o mocerío xa non sabe que a Ciudad Universitaria foi fronte onde caeron os seus avós).
Na realidade, o partido socialista no poder. Os restos do franquismo, derrotados nas urnas do 14 M. Democracia incompleta, sen república. E mesmo Unión Europea –tampouco soñable no 74– con parlamento presidido polo Pep Borrell, estudiante de Aeronáuticos, habitante de colexio maior. En Galicia, segue a emigración (agora masiva de universitarios).
España, tres décadas máis nunha historia longa. Saudade dos soños xuvenís. Cambiaron moitas cousas; pero non todas mudaron para ben: nin sequera ficou a poesía dos cantoautores, o consolo da guitarra e a revolución.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 11/07/2004]

Share