Do latín á Telefónica (Caderno da vida, 04/07/2004)

Ronda do Outeiro coruñesa, onde vén dar coa Avenida do Exército. Nun lugar de difícil identificación hai unha mostra de vontade merecente de aplauso, o “Museo didáctico de Telecomunicaciones”. Nese recanto concéntrase tanta sabedoría que se fai obrigatoria a visita, e necesario o apoio ás almas boas e técnicas que alí loitan.
Que loitan para que coñecemento máis experiencia (suma que dá como resultado a sabedoría) non sigan implacablemente no camiño da nada: os despeces e os cemiterios.
Telefónica non é mellor nin peor ca outra calquera empresa impulsada polo avance tecnolóxico e, coma tantas, foi producindo vagas de prexubilación que afectaron a moitos empregados sen distingos: pola idade.
Iso deixou ociosa a boa cantidade de técnicos vocacionais, entre os que xurdiu a iniciativa do museo: un repaso pola historia das telecomunicacións que fan o mundo diferente, desde o telegrama ao datagrama pasando pola conversa telefónica; desde o analóxico ao dixital; desde o fío de cobre á fibra óptica.
Teimosamente recuperaron sistemas electromecánicos e electrónicos. Mesmo recortaron, para adaptala á pequenez do local, a central “Rotary” que clausurara Domingo García-Sabell en día histórico. Faltos de documentación, entrevistaron os operadores das centrais de antano e recompuxéronas sobre a lembranza das súas funcións…
No museo –didáctico– vese como funciona a telecomunicación. Móstranse as bases do que hoxe parece tan doado pero, no fondo, ninguén entende. Axúdase a descubrir o milagre das ondas e os cabos.
Á saída da visita ao recuncho dos prexubilados da Telefónica, unha alarma: ese método de renovación de persoal produce un corte na liña de transmisión de coñecemento –entre expertos e aprendices– que leva a tecnoloxía ao desastre.
Alguén pode dicir que o antigo xa non interesa. Pensan así os mesmos que rexeitan o latín no ensino. Non se decatan que un non pode espremer toda a información contida na palabra se descoñece de onde vén.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 04/07/2004]

Share