Jordi Borja do Altiplano (Caderno da vida, 20/06/2004)

Vigo. Alameda. Un neniño de cobre, cabelo corvino e ollos riscados berra en plena perrencha. Unha muller de faccións europeas dálle unhas azoutas. Un transeúnte olla a escena con preocupación: da súa memoria, chea de visións americanas, salta a alarma. Está a ver unha muller branca que bate nun neno indio.
Pero aquí as cousas son diferentes. O neno chámase Jordi Borja e a que lle bate nas cachas fálalle de “mamá” —ela— e de “papá” —un home tamén branco, que le o xornal tranquilamente…
O transeúnte segue camiño coa mente chea de evocacións e reflexións. O cativiño ten que ser un máis dos moitos nenos importados por matrimonios que non deron tido fillos na sazón e agárranse ao restroballo do terceiro mundo, ás criaturas que sobran. Pagan, importan e coidan que cun nome de aquí todo está resolvido. Pero a cara do Jordi Borja leva á beleza impar do Altiplano, á marabilla de sobrevivencia da raza “kolla”, sempre a ocultar a súa diferencia, sempre a desconfiar de brancos e mestizos. Este cativo nunca será totalmente do mar de Vigo; sempre, fillo de Pacha Mama, da chicha e da coca, de Inti e do acullico.
Oxalá que Jordi Borja chegue a ser un mozo galego educado nos saberes de verdade, a punto de lles explicar aos seus pais putativos que os nomes que lle impuxeron son cataláns, ambos con “jota” que se debe pronunciar por igual: que non vale “Yordi” nun caso e “Borkha” noutro. Queira Deus (ou Inti, compañeiro de Pacha Mama) que ese rapaz algún día escoite a Atahualpa Yupanqui e mire fotos da Quebrada de Humahuaca. Óllese ben no espello e vexa a diferencia. Chegue a saber tanto de Galicia que Rosalía flúa no seu maxín a reclamar que “Toda a Terra é dos homes”. Dea o paso, pescude, procure, descubra, saiba do “Incañán” e esixa dos pais de comenencia o billete para coñecer o verdadeiramente seu.
Vaia alá e fique. Mude de nome. Entréguese á causa amerindia. Porque, se toda a Terra é dos homes, unhas terras son máis duns homes ca doutros.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 20/06/2004]

Share