O Zezé no Impaís (Caderno da vida, 06/06/2004)

Ipanema. Noite cálida do Río de Xaneiro nun restaurante. Porta e xanelas abertas, fondo de area vagamente iluminada e un vago rumor de mar. No cadro da porta aparece un neniño mulato de ollos grandes e sorriso gañador de vontades que se vai achegando á mesa coa súa mercadoría, chisqueiros coloridos nun expositor de plástico.
Pero non ten tempo para rogar que lle compren porque unha man forte o agarra polo pescozo e o leva á porta. Alí a punta dun zapato lustroso lanza o corpiño miúdo contra a area. Óese un palabrón saído de boca pequena, e a seguir un rebumbio polo areal, ais e choros que deben ser do pícaro de catro cuartas. A anfitriona brasileira ilustra os visitantes galegos: despois da patada do camareiro, o neno está a levar tunda dun rapaz xefe porque os chisqueiros se espallaron pola area…
Meu pé de laranja lima xurdiu na conversa daquela noite carioca como exemplo da crueldade cos nenos que sobran nun país onde o pobo fai moito fillo. A historia do Zezé —da súa arboriña de laranxa lima, da familia que batía nel e do Portuga que o afillou— é un berro lírico contra a inxustiza das diferencias entre os que nacen desexados os que, como o Zezé lle dis á mai, non debían ter nacido.
A conversa era entre xente escritora que hoxe se ve sorprendida pola versión galega dese texto de José Mauro de Vasconcelos, publicada por Primerapersona, editorial sen prexuízos lingüísticos dentro do sistema diglósico do Impaís. Desde este recanto de España (que non acepta a existencia de literatura en portugués capaz de superar o chumbo misticoide de Saramago e Coelho) paga a pena gozar da imaxinación do Zezé en A miña planta de laranxa lima. E engulir bágoas de carraxe con el.
Despois, lembrando a Guerra da Cal, o lector reflexivo pódese preguntar por que o portugués que enche o mundo non se estudia en Galicia. De ser así, probablemente Primerapersona tería publicado a obra na súa versión orixinal, anotando a penas algún brasileirismo raro.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 06/06/2004]

Share