A batalla de Clavijo (Caderno da vida, 30/05/2004)

Compostela dos peregrinos. Con chapeo, capa, caxato e medalla xúntase polo Obradoiro a Irmandade dos Vinhos Galegos. Na santa catedral, ofrenda do poeta López Valcárcel: loanza ao viño que, en decentes proporcións inxerido, canta as glorias de El-Señor. Responde o cóengo, lánzase o cántico do Santo Patrón das Españas, arrandea o botafumeiro e, finalmente, foto do mestre Lobato co Apóstolo ao fondo…
Segunda parte da peregrinación da Irmandade a Compostela é o capítulo solemne na capela do Hostal, con admisión de catecúmenos e discusión de asunto grave: aceptar ou non na confraría un santo hoxe politicamente incorrecto por culpa da súa aparición en Clavijo a matar mouros. ¿Deben os galegos admitir só o Santiño Peregrino?
Gracias á furia antimusulmana de Santiago, nas Españas corren ríos de gozoso viño e cúranse xamóns, máximo invento da Cristiandade contra a anemia e hipotensión. Por tanto… Hai un silencio de problema baixo as filigranas góticas da capela. Mais parece albiscarse a solución cos datos aportados por un irmandiño: os profesores Bianchi e Neri da Universidade de Bolonia (lonxincua e, por iso, obxectiva) viñeron desmontar as teses dalgún islamista infiltrado, capaz de asegurar mesmo que nunca houbo batalla en Clavijo. Os italianos demostran o feito bélico, e mais que os cristiáns gañaron con vínica forza. Sinxelamente porque os seus corceis recibiran ración de sopas de cabalo cansado, codias de pan en viño, antes de entraren en combate. Os dos mouros, non; e o prexuízo relixioso logo se fixo sentir.
Grande capítulo o da Irmandade, e sabia decisión a que tomou, motivo de comentarios na posterior cata de caldos do Camiño nun patio de Hostal. Decidiu nomear unha comisión, que analice en detalle o magnífico feito histórico, e que tamén avalíe admitir como confrade o cabalo de Santiago.
Esa comisión haberá de render informe para o próximo ano Xacobeo. Espérase que, entre catas, teña tempo dabondo para informar.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 30/05/2004]

Share