Entre Dios e Deus (Caderno da vida, 23/05/2004)

Miño, na volta da praia onde o río Baxoi se fai salgado. Area cuberta de plantiñas humildes que mal dan consistencia ao chan. Día glorioso de maio, tempo das Letras Galegas. Irene observa como o avó volve á nenez, furgando cunha palliña na cova do grilo que cantaba cheo de ilusión. O choio de provocalo a saír non é doado porque a galería é falsa. De feito, derrúbase.
– ¡Adiós! –pronuncia o avó en ton carraxento, visto o fracaso.
– Avó, dise adeus –corrixe a cativa.
Lóxica de nenos, binaria: Dios-Deus, adiós-adeus. Se o avó sempre lle fala en galego, resúltalle incoherente a expresión en castelán. Ela sabe que o avó fala tamén doutras maneiras, pero a outra xente. Con todo, o que importa é o que debe falar con ela. A picariña, que aínda non sabe ler, xa entendeu a lei da multiglosia: cada idioma ten a súa ocasión.
Non vale o multilingüismo; o bilingüismo dos silenciadores do galego nunca poderá ser harmónico. Pode haber, sen embargo, diglosia consciente, respectuosa…
Despois de catro lexislaturas veñen os lamentos: seica os políticos descubriron que falla a transmisión de pais a fillos. A lingua morre cos avós. Paz Lamela inventou o “Fálalle galego” da mai co meniño, pero os xefes mandaron retirar a campaña de carteis e adhesivos, e agora andan a carpir. Carpen mais o presidente non fala galego aos netos, nin os conselleiros llelo falan aos fillos; e ningún consello transcorre na lingua que temen perder no Día das Letras sen base social.
Miño. Sobre o concerto dos élitros, sobre a fala universal dos grilos, unha idea: contra a fractura xeracional, os avós ás escolas. Vaian a elas os que aínda conservan a pronuncia correcta, a conxugación eficaz dos infinitivos, todos os xiros de ocasión, o tesouro inesgotable do léxico. Achéguense e conten contos, salten cos mestres unha xeración. Que os nenos escoiten e os mestres expliquen as razóns para salvar unha riqueza que, partindo de Galicia, a modiño gañou tantos espacios no mundo.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 23/05/2004]

Share