Letras e telecomunicacións (Caderno da vida, 16/05/2004)

Elviña, A Coruña; Tres Cantos, Madrid; As Lagoas, Vigo; rúa Nova, Compostela. A videoconferencia une catro puntos desde os que membros da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia ultiman detalles da festa do 17 de maio, Día Mundial das Telecomunicacións. Festa xa antiga, cada ano cun lema, este ano pregoa que as técnicas da información e a comunicación marcan o camiño cara ao desenvolvemento sostible do mundo.
Os enxeñeiros do etéreo saben que o cobre e a sílice, tan abundantes na Terra, e as ondas electromagnéticas, invisibles, intanxibles, veñen rompendo barreiras, encurtando distancias, reducindo tempos, desde que o telégrafo comezou a repenicar hai cento setenta anos. Pero, tamén, que a lóxica das máquinas electrónicas foi convertendo a producción de bens e servicios nalgo cada día máis barato, máis racional, menos dependente de tarefas que os humanos rexeitan. Os telemáticos (formando tribo, pois hoxe non hai telecomunicacións nin informática independentes) teñen a honra traballaren por un mundo mellor, que se aproxima a un paraíso de traballo limpo, intelectual, sen suores…
17 de maio, Día das Letras no impaís querido. Xornada festiva pola mala consciencia dun goberno que di crer no bilingüismo harmónico. Os enxeñeiros da microonda e o bit fan dous exercicios en relación ás Letras: o de imaxinaren como sería a creación literaria sen ordenadores nin redes, de volta ao papel e o chumbo; e o de reflexionaren como deberían ser as palabras correctas da súa profesión expresadas en galego.
No 17 de maio de 2004 anunciarán un diccionario de voces técnicas que impregnan a realidade cotiá totalmente, pois todo está tocado pola telemática. Van traballar nel; e non só para Galicia senón para o xeral dos países de fala latina. Queren vencer a tiranía do inglés en que todo se inventa. Quererían que o pobo entendese o seu esforzo; quixeran que políticos e empresarios os acompañasen: para, entre todos, faceren país.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 16/05/2004]

Share