Milagre en Compostela (Caderno da vida, 09/05/2004)

Matogrande da Coruña. O encontro de negocios no hotel ten olladas nerviosas aos reloxos. Aínda na sobremesa, xa as cabezas se perden, os discursos esfiachan; todo é imaxinar o acontecemento “mundial”.
A seguir, pola autoestrada cara a Santiago poucos son os que van e moitos os que con antelación esaxerada veñen á Coruña. A tarde vai afeando sobre Compostela. Entre lusco e fusco, vento frío e chuvia de través azoutan a carpa da alameda. Alí está a feira do libro, intelixentemente cuberta.
Os libreiros móstranse contentos; seica venderon ben. Xa con luces acesas no interior da carpa, pasean persoas que parecen descoñecer o acontecemento televisivo, a loita de nación contra nación aínda que os contendentes sexan mercenarios en boa parte.
Baixo a carpa da feira da alameda santiaguesa só importa o que alí se xoga, a fortuna dos libros. Frío, auga que bate con forza na cuberta ata abafar os altoparlantes. Naquel aterecemento as voces dos presentadores elévanse e transmiten emoción ás ducias de resistentes que os escoitan, uns sentados, outros de pé, que se van achegando e xuntando. Nace un libro e cómpre apadriñalo. Cámaras de fotos e de televisión recollen o feito: estase a producir un milagre de compañía.
Ao remate, rexelados, os disertadores recóllense nun establecemento sempre concorrido pero nesa noite baleiro. O camareiro aténdeos con receo, como se dunha visita de lunáticos se tratase, e informa que “Van cero a cero, empatados”.
Viño, queixo e xamón. Literatura. Solidariedade. Canto á liberdade: a dos que sempre lerán, con IVE ou sen el.
Á volta, furando a autoestrada nocturna, todas as emisoras choran o penalty. Con frases de can vello, un tal Jabo (diminutivo) e un tal César (apelido) disimulan o desastre da súa lexión estranxeira. Polos carrís contrarios veñen columnas sen fin de retornados, uns gañadores e outros perdedores. Sobre o propio campa unha gloriosa sensación: a de andar a contramán, a contrafío. Milagrosamente.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 09/05/2004]

Share