Telemática e ameixas (Caderno da vida, 02/05/2004)

Ferrol. Volta á infancia feliz, á adolescencia ilusionante. Disque cadaquén vén sendo de onde estudiou o bacharelato, e aínda máis será de onde xa aprendeu as primeiras letras.
Discurso aos rapaces do instituto Concepción Arenal e agasallo espléndido ao conferenciante: nada de figuriñas de louza senón a fotocopia enmarcada do seu expediente escolar.
O discurso era tecnolingüístico. ¿Serve o galego para facer técnica? Un telemático percibe que todas as linguas latinas están en igualdade de condicións para o exercicio dos pensamentos exquisitos, ecuacionados. Tanto ten castelán coma galego, e, se alguén argumenta falta de termos no galego porque a revolución industrial veu falada en alleo, non esqueza a potencia tecnolóxica do Brasil, a cuarta economía mundial das próximas décadas. Todo o que vale en portugués, vale en galego. Derrubemos os prexuízos, e defendámonos do inglés…
Ferrol, prendido na infancia. A xuntanza telemática que vai haber no pazo municipal vese dificultada pola ocupación dos que reivindican unha certa talla da ameixa. Cómpre acceder aos escritorios pola porta de atrás, clandestinamente. Compañeiros daquel lonxincuo “insti” infantil (cincuenta anos non son nada) deciden sorrir ao asalto marisqueiro como chirigota gaditana expresada en galego ferrolterrán, e entran no choio.
Pero á saída vén a depresión. Pola traseira, xa na rúa de María, vense entre dous grupos vociferantes, o dos folguistas debruzados nas fiestras da casa consistorial e o dos colegas que lles dan azos desde a vía pública. Identificado un político local entre os técnicos, os reivindicadores de tallas de bivalvo rosman algunha impolítica ocorrencia.
Hai un intre de gratuíta tensión, que se esvae xunto da igrexa sen estilo do Carme; e daquela o comentario de homes xa vellos, avós por sinal, é amargo: ese Ferrol que fai diferente a quen o habita non dá superado a adolescencia. Para chegar á maturidade cómpre emigrar, aínda que sexa á Coruña.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 02/05/2004]

Share