A débeda portuguesa

O aviso de peche da Libraría Couceiro na praza do Libro coruñesa trae doadamente un comentario sobre a relación -asimétrica- entre as literaturas de aquén e alén do Miño: a familia Couceiro distinguiuse pola teimosía en ofrecer libro portugués xunto do galego, sen que coñezamos reciprocidade semellante tan sequera no «Norte de Portugal» (que así chaman desde Lisboa con receo de lembraren onde fica a orixe de todo).

Infelizmente, a clase política galega non é lectora de obra en portugués: fixo historia o caso -contado por Xesús Couceiro- do alcalde famoso que, ao ver O Péndulo de Foucault en versión portuguesa nunha feira, anunciou que o compraría cando estivese «en cristiano».

Ora, a intelectualidade galega sempre foi lusolectora, e desde hai décadas ten as tendas de Couceiro como templos de frecuente visita.

Por contra, malia esforzos coma os de Rodrigues Lapa e Sá da Costa, a grande maioría dos portugueses cultos ignoran (¿por temeren recoñecelo?) que «todo o galego está contido no portugués», como mantiña Guerra da Cal. Peor para eles -diriamos con desdén- pois xa se interesan por nós os brasileiros. Mais tampouco é así: a ignorancia non honra a quen non saben, por exemplo, de Cunqueiro ou Darío Xohán Cabana (bos lectores de Camões e Eça). Teñen connosco unha grande débeda.

[La Voz de Galicia, 19/03/2014]

Share