De Al Ándalus ao Níxer (Caderno da vida, 11/04/2004)

Sevilla, pálida sobre a volta do Guadalquivir claro, cheira a cirio, frituras e viño; desde a Xiralda veríase un pulular de pobo “español” segundo o arquetipo que outros españois deploran: tamaña expresión de amor por Cristo e a Virxe fai sospeitar intencións de defensa contra o infiel.
Sevillano é Manuel Pimentel, ministro díscolo de Aznar que, a contrafío, a contra-España do PP, escribiu un libro único pola súa valentía desmitificadora. Fíxoo con Ismael Diadié. Xuntáronse “un branco cristián e un negro musulmán” para aclararen puntos da Historia de España alén da inacadable biblioteca de Tombuctú, procurada por exploradores que morrían de sede no Sahara ou de disentería nas beiras do Níxer.
“Los otros españoles” é texto para reler, aínda que só sexa por se ter atrevido a indicar que “los hijos del bárbaro Alarico y del árabe Tarik” é frase va pois Tarik era visigodo, gobernador dun norte de África romanizado. O libro fala de muladís, mozárabes e mudéxares, de renegados e mouriscos, de que o Islam non foi traído por hordas árabes (a xeografía non dá para que se trasladen exércitos da Arabia á Iberia). O Islam, xa africano, ocupou a Península por convicción e conveniencia. A lingua árabe foi medio de cultura superior…
Godos de apelido al-Quti foron musulmáns e, co tempo, expulsos por outros descendentes dos godos. África foi o destino de moitos andalusís, algúns dos cales pasarían o Sahara para iren crear familias na curva do Níxer. Outros moitos bautizáronse por non se afastaren da súa terra querida.
Al Ándalus marchou no fondo dos corazóns dos hispanomusulmáns trasterrados e esquecidos, como Sefarad nas almas dos sefardís, dos que tanto se ten escrito. Hoxe, cando certos musulmáns que nada teñen que ver con España reclaman un paraíso español expresado en árabe, cómpre ir pondo as cousas nos seus sitios. Co seu libro, Ismael de Tombuctú e Manuel de Sevilla adiantáronse marcando un camiño de conversas entre civilizacións.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 11/04/2004]

Share