Do Alvedro a Matosinhos (Caderno da vida, 04/04/2004)

Alvedro. Exasperados, fóra de horas, Ib (curtísimo nome dinamarqués) e John (nome común inglés) conseguen aterrar nun “little, provincial airport”. Teñen futboleiras referencias do “La Coruna Deportivo” e fan preguntas inconvenientes sobre A Coruña dos carteis e La Coruña de Iberia e do Dépor.
Porto, o vello Portu Calae, que deu nome a Portugal. Discusión en inglés para que entendan os chegados de Dinamarca e Inglaterra. Fica claro entre galegos e portugueses o absurdo de La Coruña: Coruña non é termo exclusivo do galego; hai unha Coruña del Conde en Burgos. Os casteláns case nunca puxeron artigo aos nomes de lugar. Só llelo poñen aos de bisbarra ou provincia.
Contrariamente, galegos e portugueses teiman en pór artigos aos topónimos. De aí que a capital do norte portugués sexa “o Porto” (transformado en Oporto polos casteláns, xuntando de oídas artigo e nome). Velaí que a capital ártabra, mencionada en galaicoportugués, sexa “a Coruña”. Por tanto “la Coruña” é unha mala castelanización. O nome da cidade debería ser só Coruña. Falando en bo castelán así quedaría e falando en galego poderíaselle antepor o artigo, como á Pobra ou ao Alvedro…
Matosinhos, aeroporto. Adeus. Ib voa felizmente á Dinamarca pola metade de prezo da viaxe ata o Alvedro; e John segue viaxe directa e barata cara a Nova York. O Rui (clásico nome portugués), presente na despedida, opina que “vocês galegos são malucos”. Non dá entendido como os “irmãos” do norte andan á greña por tolerías coma a de La Coruña contra A Coruña, sendo cousa dun triste artigo; e menos aínda como ninguén se pode pelexar por “aeroportinhos de aldeia” coma os do Alvedro e Peinador. Con preocupación de bo veciño aínda advirte doutra “maluquice”, a ruína do Dépor: “Está falido. Deve por volta de cento e cinquenta milhões de euros. Mesmo vai fazer falir um banco galego”…
Apertas. De volta, ao pasar por Compostela, o pensamento é un: un só aeroporto en Galicia, a competir co do Porto.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 04/04/2004]

Share

One Comment

  1. Pingback: O Eco dos Mestres na Capela | Misturas e Petiscos

Comments are closed.