Os meus ollos (Caderno da vida, 28/03/2004)

Pontedeume, daquela, era o mundo. Porque outro mundo para un neniño deses tempos a penas se imaxinaba na pantalla do cine. Ramiro Fonte vía o mundo pasar pola praciña aberta baixo a fiestra da casa e, aos pouquiños —que os seus anos eran tan poucos— atrevíase a chegar ás estremas da vila, ía á aldea matricial e cruzaba a ponte do Eume para mirar o comportamento dos invasores de verán en Cabanas.
Mais logo chegaba o outono coa celebración das Virtudes e a vila retornaba ao seu, sen veraneantes, rexida por un franquista bonacheirón e un garda municipal que tamén exercía de matachín coidadoso, evitador de escándalos de sangue porcino.
Por “Os meus ollos”, libro recente, circula o mundo eumés dos anos 60. No texto revélanse segredos maiores do burgo menor dos Andrade, mesmo os que nunca desvelará o erudito local que o autor nunca menciona polo nome. Son memorias dun neno vilego, obra valente e case perfecta (en Literatura a imperfección marca o desexo de superarse na seguinte). Nela o Fonte, xogador de versos, lánzase a unha prosa medida por comas e puntos para conseguir a máxima economía de relación entre palabra útil e páxinas de papel.
O mundo era Pontedeume para aquel cativo con parentes na lonxincua California; pero, lendo as moitas páxinas da autobiografía infantil do Ramiro, quen non sexa eumés e só os teña na Arxentina sente o fluír da vida de calquera mundo común. O Fonte fuxiu do vello recurso da novela iniciática, no que tanto narrador descarga a necesidade de explicar os seus porqués. Para retratar a patria verdadeira, a que marca a ferro de por vida, non ficcionou, relatou notarialmente.
Sirvan “Os meus ollos” eumeses para chamar a atención dos que, coma o seu autor, poden explicar o país das vilas –de Viveiro a Tui, de Carballo ao Barco— como suma de mundos. Imíteno, porque esa suma fai a nación que as sete grandes cidades mostran distorsionada polo que imitan: a urbanidade sen nexo coa Galicia histórica e veraz.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 28/03/2004]

Share