O galego ao lixo (Caderno da vida, 21/03/2004)

Salamanca, burgo universitario de limpa pedra. En terra de charros o castelán do pobo ten vigor, marca norma de Real Academia, pero no discurso académico aflora o castrapo angloespañol. Perdóanse traizóns de léxico mais a alarma soa con frases como “el servidor de red no debe ser accesado…”. Múdanse as regras da sintaxe nebrijana e a crítica escóitase nos corredores:
— Estos bárbaros de los informáticos nos desmontan el español. Es como si en la RENFE pusieran “El andén no debe ser accesado”…
Evidente, comentan os congresistas de volta a Galicia pola Ruta da Prata. En inglés vale facer transitivos verbos que non o son para as linguas latinas.
Vendo cegoñas nos seus niños sobre torres de tendido eléctrico, a rexouba logo se dirixe dos idiomas contaminados ao medio ambiente estragado. No resto da viaxe vira para a política, volve á telemática de orixe, retorna ao asoballante inglés… Así ata Lugo, onde os comentarios a cerca do medio ambiente se impoñen nunha parada con café.
— ¡Que bestas os da Xunta! —exclama un viaxeiro airado—. Mirade como botan o galego ao lixo.
Realmente, o anuncio da Consellería de Medio Ambiente ofende a quen coñece as regras do idioma: converte en pronominal un verbo que nunca o foi para os habitantes de aquén da Pedrafita.
“Co vidro, non te comas o tarro”. Certo que o pronome contamina toda a frase, pero nese anuncio de campaña ecolóxica hai algo máis: “No te comas el tarro” é un dito madrileñata, e vén demostrar non só que a Xunta non é capaz de coordinar accións (que Barreiro e Currás non se falan nos consellos) senón que nin sequera sabe a quen lle encargar un choio.
— “Co vidro, moito ollo” sería unha frase perfecta —teoriza outro viaxeiro—. Suxire algo de “Un ollo de vidro”.
— Pero iso só valería se os rapaces estudiasen galego nos colexios —retruca, amargamente, o primeiro—. E se os das axencias de publicidade soubesen quen foi Castelao. Ou sexa, se houbese política lingüística: se houbese país…

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 21/03/2004]

Share