Sentit comú (Caderno da vida, 14/03/2004)

Barcelona amañece baixo ceo gris, varrida por un vento frío, pirenaico. Nun esforzo de diñeiro e ganas de sobrevivir en política, a calva da Duran i Lleida repítese ata a fartura ao longo deste Nova York menor e mediterráneo. Pide o voto con lema propio do estereotipo catalán: “Sentit comú”.
Na riqueza do burgo que se expresa publicamente na lingua patrimonial séntense as falas do mundo, en bocas de caras con todas as cores e faccións. Alegra entender uns morenos, brasileiros polo sotaque. Entre formas de casas marcadas pola longa sombra de Gaudí —barroquismos modernistas en ferro, azulexo e cemento— vese a verdade dunha Europa en decadencia: a que fora “Casa de lactáncia” hai cen anos, con imaxe de raíña ou santa a dar o peito a un fillo, hoxe é “Residència per a la gent gran”, ou sexa, de anciáns (Erasmo, no “Eloxio da loucura” lembra as semellanzas entre meniños e vellos: falta de dentes, gusto polo leite…). E nun xardín xúntase grande fraternidade de velliñas con cadansúa fámula. As donas falan catalán, as criadas que as sosteñen, castelán das Américas.
“Si guanya Zapatero, guanya Catalunya”. Pero, ¿se non gaña? Porque din que o seu compañeiro de foto non sabe falar catalán.
O cal nada importa aos que contan a súa vida no locutorio de Hassan Telecom, todo escrito en árabe; nin aos que arranxan billete en Viajes Promochina, todo explicado en “kanjis”, signos ideográficos inintelixibles para “barcelonins” de sempre, e para “charnegos”.
Quizais algún día importe aos catro pequenos dunha moza de túnica negra, a cabeza envolta nun negro veo islámico; ou aos dous dunha bela chinesa, vestida á europea, que aquí foi libre de dar a luz máis dunha vez. Tal vez eses rapaciños cheguen a ser cataláns de nome raro…
“Watford escola d’anglès” (non “escuela de inglés”): Cataluña nación, país cheo de estranxeiros. Despois do que pasou en Madrid cómpre preguntarse se triunfará o “sentit comú” en toda España.
Pouco falta para sabérmolo.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 14/03/2004]

Share