A dictabranda mariana (Caderno da vida, 07/03/2004)

A Coruña, cafetería con nome madrileño, de catedral para principesco casamento. Mañá fría polo meteorolóxico, e quente polo electoral. “La Voz” sobre o mostrador, tentación de café e cigarro. O cliente deixa de follear ante unha foto de cara con barba curta, agrisallada, lentes sen cerco e ollos castaños. Apunta co dedo e defínese:
— A Rajoy le voto yo porque es de los míos. Porque para mí es más español un sudaca nacionalizao que un bloqueiro: por lo menos, el sudaca me habla en español.
Os convivas rinlle a chanza sen moito estrondo, quizais a lembraren as camareiras iberoamericanas que foran desfilando pola cafetería á procura da vidiña, e a pensaren en amigos e colegas dos cales sospeitan que votan ao Bloque (pois, proporcionalmente, son moitos máis os devotos secretos do Bloque cós calados votadores do Partido Popular).
— “Españolito que vienes al mundo, te guarde Dios”. ¿Non era así o do Machado? –pregunta un do grupo próximo na barra ao do votante do Mariano.
— “Una de las dos Españas ha de helarte el corazón” —outro remata os versos, finxindo un calafrío—. Que xeada, compañeiros…
Na conversa xorden datos do autor da sentencia sobre sudacas e bloqueiros: ten dous apelidos sonoramente galegos e a institución en que traballa exhibe nome exclusivo do Impaís. Despois, revélanse detalles da campaña electoral, chea de vituperios e cambadelas.
— Imos pasar da dictadura aznariana á dictabranda mariana —sintetiza alguén da rexouba, a exhalar fume e boa vontade—, porque ao Mariano don Manuel aínda lle ha recordar que o marcan os apelidos, e que é neto de quen é.
A referencia aos gobernos de Primo de Rivera e Berenguer a penas levanta sorrisos entre os críticos co sistema. E o máis calado deles pon tráxico punto final:
— Josemari e Mariano son o mesmo: “la unidad de destino en lo universal”, aínda que o Mariano sexa bo rapaz. En catro anos a TVG xa vos falará castelán a micro aberto… Como di o tango, “Dan ganas de balearse en un rincón”.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 07/03/2004]

Share