O gesto não espúrio (Caderno da vida, 29/02/2004)

Consello da Cultura Galega, salón de actos. Rostro de ollos riscados, cabelo laso e corvino, amerindio se non fose a palidez da pel. Nélida Piñón aparece flanqueada polo Luís González Tosar e o Víctor Freixanes. Introdúcea o “ché” Tosar e deixa que flúa a verba grácil da fabuladora nata, a que “pedia aos velhinhos da aldeia dos avôs para eles contarem mais e mais. Me conte mais, ¡conte!”.
Nélida, galega polos catro costados do avoengo, constrúe o portugués á brasileira, pondo sempre pronomes e artigos antes do verbo, facendo xerundios rotundos, sen concesión a perífrase. É dona absoluta da lingua que di amar, e que defende desde a súa literatura alén dos idiomas, con prosa suxestiva logo de traducida…
Despois, o Pen Clube convidou a cea sabia, na que o seu presidente dispuxo unha mestura de literatos, filólogos, xornalistas, historiadores, economistas… a arrouparen a galaicoamericana que, moi muller, non precisa de pregoalo para se defender (valentía na que fai lembrar outras da súa especie, como a María Esther Vázquez e a María Rosa Lojo).
Falouse de todo: do evanxelismo, de Guerra da Cal, das viaxes na Mala Real Inglesa, da economía do Brasil industrioso… Custou rematar. No Franco, friaxe, carautas e unha histórica despedida. A dama capaz de presidir a Academia Brasileira das Letras collía nas súas mans de seda alba a man rexa dun varón, e pronunciábase: “Nada lhe devo à Literatura. Foi ela que me deu tudo, mesmo a liberdade de eu poder tocar gente querida sem isso ser considerado um gesto espúrio”.
Polo Obradoiro nocturno, en loita contra o frío boreal, esvaíuse a figura que Freixanes definira como “unha nena de cidade, o Río de Xaneiro, con aldea de avós alá por Cotobade. Coma nós, os de Pontevedra, pero coa orixinalidade de ter que cruzar o Atlántico para andar nas leiras dos seus”. Nélida retornaba á calor austral. Os que a despedían quixeran que alá non os esquecese. Nin a eles nin ao Impaís de todos. Mesmo dela.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 29/02/2004]

Share