O poldro de Dumbría (Caderno da vida, 22/02/2004)

Logo de Vimianzo, camiño da Fisterra, é fácil ultrapasar o cruzamento a Dumbría, mal sinalado. Se cadra, hai que dar volta e desfacer camiño para ir entrando na humildade dun concello de nome poético, entre verdores previos ao do mar que tamén lle pertence.
No colexio, a sorpresa, e unha lembranza de tempos idos, aqueles en que a escola da aldea acollía xuntos nenos pequerrechos e nenotes grandes. “Témolos de tres a doce anos”, confirman os mestres.
Hai que lles falar do oficio de escribir. Con receo, pois tanto pequeno pode ser unha bomba de reloxería. Pero o temor resulta gratuíto porque son uns pícaros ben mandados, capaces de atenderen ao discurso de quen tenta achegarse a eles coa idea principal de que todos podemos ser escritores xa que todos temos moito para contar; porque pasamos a vida a relatarmos o vivido e o inventado.
Vistos de fronte, semellan nenos da escola da aldea de hai cinco décadas. As súas caras lindas, os ollos grandes, as fazulas rosadas recordan os seus avós; mais estes cativos visten e calzan á moda, sen diferencia cos cativos de cidade. Teñen ordenadores. Están infinitamente lonxe dos personaxes de “Memorias dun neno labrego”.
E cando falan fano con naturalidade familiar no idioma que foi cedendo paso ao “imperial español”. Niso manteñen a liña de continuidade co patrimonio do pobo ao que pertencen.
Parecen unha reliquia que merecese altar. Como o merecen os que os ensinan; os que os dirixen para que escriban contos coma o do poldro Pinto, que entraba pola casa e subía escaleiras e atopaba unha pantasma que o defendía do dono que —nun pesadelo— o quería vender.
Os mestres de Dumbría incitaron a escribir; axudaron a facelo na lingua que propugna o conferenciante chegado da capital provinciana, imitadora de Madrid, onde el resiste… O conto do poldro faille ver que chegou tarde, pois a Literatura Galega xa estaba inventada alí, nunha aldea fisterrá. E volta para a Coruña cheo de esperanzas.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 22/02/2004]

Share