A España do Suso (Caderno da vida, 15/02/2004)

Castela a Nova. Polo ermo pardo que a xeada tinxe de prata clara o taxi avanza a modo. Na radio, unha canción dos tempos de Franco baixo palio. “Gitana de Andalucía, de pura raza española…” di a letra vella, que evoca texto recente: “Españois todos”.
Suso de Toro titula así (arremedando aquel “Españoles todos” do xeneralísimo, dito coa vociña que lle valera na academia militar o alcume de Paquita) un texto valente en lingua deostada. Distante de imbéciles e escuros (e féridos e duros), debulla nel o que moitos non se atreven a escribir.
Por exemplo, a maneira como o centronacionalismo utiliza os xitanos, exipcianos vidos de tan lonxe, para facer deles obxecto de venda de españolidade no estranxeiro. Esas xentes, que en tempos de don Jorgito el Inglés falaban caló e precisaban de intérprete para o castelán, hoxe son moito mellores ca galegos, vascos ou cataláns con fala perversa, disidente. Os xitanos falan castelán, cantan en castelán mesmo para o papa de Roma. Pertencen á España que non deixa ser españois aos que se afastan da norma nebrijana. Centroespaña úsaos para vender caste polo mundo… e non lles paga dereitos de autor.
A España dos bos —ironiza o De Toro— é Castela con Andalucía e xitanos. Lembrándoo sobre o páramo inzado de torres da Unión Eléctrica con candanseu niño de cegoña en tempo imbécil e escuramente electoral, xorde a idea de suxerir ao Rajoy e ao Zapatero que lean “Españois todos”, complementado con “A History of Spain and Portugal” de Atkinson e mesmo con “The Bible in Spain” de Borrow (don Jorgito).
Pero é pensamento inútil. Nin o galego nin o leonés len en linguas inferiores e intelixibles; e a superior élles inintelixible. Só fica logo pedir a don Manuel —vascogalego que tantas le e colixe— un resumo para os contendentes; que nun esforzo patriarcal repase visións de británicos e razóns de español periférico, que sintetice e interveña a favor dunha España para todos os españois (se aínda cre nela).

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 15/02/2004]

Share