Débedas e diásporas (Caderno da vida, 08/02/2004)

Máis cifras sobre a diáspora científico-técnica nun seminario impactante na Universidade de Santiago de Chile: Estados Unidos deu acubillo a uns 158.000 investigadores iberoamericanos, e a un total superior ao millón de cidadáns do Sur (de alén do Río Grande mexicano) con formación universitaria. A formación desta masa de traballadores intelectuais, enriquecedora do amo do Norte, custou aos seus países pobres uns 47.000 millóns de dólares.
Na penumbra amable da sala de presentacións os comentarios polo baixo conducen a unha idea reivindicadora: os EE.UU. teñen con “América Latina y el Caribe” unha débeda moral, compensadora das débedas externas inducidas nas súas víctimas coloniais. Débenlles eses 47.000 millóns, máis os centos de miles a maiores que os cerebros inmigrantes aportaron ao coñecemento da “America” excluínte (a que non é “Latin America”). E aínda hai máis a sumar no balance da débeda: o coñecemento cesante, o que non xerou sabedoría nos países do Sur.
Pídese xustiza ao mundo: que se salde alomenos parte da débeda “eterna” iberoamericana. Pero, mentres a quimera compensatoria non se achega á realidade, poderíase avanzar noutra idea máis tanxible: as diásporas de científicos e técnicos poden ser organizadas, utilizadas para transferir coñecemento aos seus mundos de orixe. Hoxe a transferencia de coñecemento non ten por que ser presencial. Pode ser telemática…
Fin da viaxe. De novo o Airbus, os Andes infinitos, o Aconcagua triunfador contra o ceo, un adeus a terras arxentinas e a noite a nacer cara ao Leste, sobre o Brasil. No pensamento de quen retorna ao seu mundiño xorden ideas semellantes ás escoitadas en Chile: España mantén con Galicia unha grave débeda moral desde que as universidades galegas se converteron en escolas de emigrantes. Cómpre reclamala e artellar a diáspora para que devolva algo do que produciu fóra. Iso axudaría a que a Fisterra das fisterras deixase de ser unha rémora, un impaís subvencionado.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 08/02/2004]

Share