Cifras do coñecemento (Caderno da vida, 01/02/2004)

Santiago de Chile ruxe na súa enormidade de vehículos enerxizados por combustible barato. Calorosa, contaminada pero aseada, vive indiferente ao que acontece nunha casona do barrio de Providencia, sede do Instituto de Estudios Avanzados da universidade con nome da metrópole. Alí saltan os datos: dentro de 40 anos, as principais economías do mundo, por esta orde, han ser as da China, os EE.UU., a India e o Brasil.
Asistentes europeos ao seminario en que tal se fala preguntan pola da UE e reciben resposta dura: segundo o acordo de Lisboa, no 2010 a Unión tería que ser a maior economía mundial baseada no coñecemento; pero non o será porque a vaga migratoria que a invade carece dese elemento fundamental para a economía. Aínda mais, do 2010 ao 2040 o coñecemento per cápita da UE continuará a baixar non só porque os seus inmigrantes non llo aporten senón porque vai seguir a drenaxe de cerebros cara a Norteamérica, Canadá incluída.
As cifras dan frío na calor santiagueña. Estados Unidos acolle hoxe máis de 400.000 doutores europeos, en centros de investigación e desenvolvemento de universidades e empresas. Na América que goberna o mundo pola tecnoloxía, a investigación científico-técnica non é deber patriótico ou brinde ao futuro senón negocio actual, e polo tanto os europeos con formación superior seguirán a cruzar o Atlántico –a maioría deles sen retorno…
Pero, ¿a China, a India, o Brasil? Representan grandes masas humanas nas que as diferencias sociais non escandalizan, e a pobreza de moitos non detén o investimento en ciencia para as elites. Nas tres sábese que “coñecemento é poder”; nas tres apóstase pola planificación da sabedoría e a producción a baixos prezos. As tres progresan cara aos seus fins, masivamente.
No entanto Europa, entre as ofertas americanas aos seus científicos —diñeiro e sona— e a falta de escrúpulos desas sociedades emerxentes, envellece e languidece, orgullosa do seu xa inútil benestar social.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 01/02/2004]

Share