Os cerebros do “Winnipeg” (Caderno da vida, 25/01/2004)

De Santiago á costa pásase unha cordilleira menor e un val no que a vista se perde sobre as viñas verdes do verán. Viña del Mar é espellismo, luxo de torres e chalés que parecería europeo se non fose polo desarranxo dos cabos de enerxía e telecomunicacións. O sol bate na xente —todos chilenos— e a auga é tan fría que só os nenos gordiños a soportan.
Valparaíso é unha ruína de caserío feito en madeira e chapa, apuntalado sobre o monte. Na beiramar a ruína toca grandes casas de comercio. Sorprende polo mantemento o edificio da Mariña, e todo se perdoa pola calidade do peixe e o marisco.
Nos altos érguese unha casa de Neruda, La Sebastiana, hoxe centro cultural (“patrocinado por Telefónica de España, S. A.”) cunha exposición de propostas de carteis para o centenario do escritor eclipsante, maníaco das visións mariñas.
Pero a súa casa afamada está en Isla Negra (e alí, fronte ao Pacífico anil, o túmulo de negra pedra que Pablo comparte coa última muller). Museo barroco, revela as teimas de quen se fixo heroe por moitas razóns, entre elas a súa sensibilidade ante a desgracia de España en guerra. Unha placa de granito vermello e negro recita: “Todos fueron entrando al barco./ Mi poesía en su lucha había logrado encontrarles patria./ Y me sentí orgulloso”. Asina o poeta e dedícanlla “Los españoles del “Winnipeg””.
Foron dous mil republicanos, salvados de Franco e —se tivesen chegado a quedar en Francia— da Gestapo. Nunca tanto fixera un “cónsul particular” pola súa patria como Neftalí Reyes en París: o coñecemento que fretou nun vello cargueiro superaría as expectativas de quen o agardaba en Valparaíso.
Para poderen entrar no país de acollida, os cerebros que Franco afuxentaba tiveron que pasar á condición menor de inmigrante operario. Mais logo se revelarían diáspora doadora en Chile. Transmitiron sabedoría. E viviron para sufriren a dictadura que quixo emular a franquista. (Neruda foise a tempo: cancro e morfina fixéronlle a mercé).

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 25/01/2004]

Share