O outro Santiago (Caderno da vida, 18/01/2004)

Amañece sobre o verdor ondulado do Mato Grosso. Despois fulxe o Paraná dos meandros e a terra vai secando desde o Paraguai ás montañas de Córdoba e San Luís. O monstro de aluminio enfróntase á dificultade pétrea dos Andes, cordón de picos e neve ata onde a vista alcanza desde dez mil metros de altura. A estribor, o Aconcagua avermellado, cun glaciar sucio. Finalmente a veiga sobre a que se ergue a capital última de Occidente; e un fallo da azafata: “En veinte minutos aterrizaremos en Santiago de Compostela”…
Santiago de Chile é grande, alberga máis de cinco millóns de almas, case un tercio da poboación do país. A contaminación tendeu sobre a cidade unha nube plana e grisalla, pero en terra o sol bate na pel do viaxeiro. É verán e os restos da decoración de Nadal fan preguntarse por que non celebrar aquí o San Xoán a 24 de decembro, e o Nadal a 24 de xuño.
A xente é europea e mestiza; a mestizaxe, xeral. Os apelidos (dous por persoa, como en España) son españois. O metro ten estacións amplas, decoradas con pintura mural, limpas. Os trens, franceses, con rodas de goma, están libres de porcallada e grafitti. Dentro dos túneles funciona a telefonía móbil. Isto non é Arxentina.
En Chile a la vista Blanco-Amor recomenda para xantar o mercado central coa súa mestura de postos e restaurantes e un intenso cheiro a peixe e marisco. Alí ofrécense sopas e “jardines” de froitos do mar, cun branco de vide francesa que ben quixeran elaborar en Francia…
Ao morrer do día hai conversas sobre Chile e Galicia molladas de “pisco sour”, case “caipirinha”. Xorde Suárez Picallo, galeguista, socialista, católico e homosexual, moi gordo, sempre cun libro metido entre a camisa e o pantalón. E Neruda no declinio, mullereiro ata a fin, perseguidor dunha rapaza noviña cando xa daba a alma ao Deus no que non cría.
A grande urbe apágase e non se pode evitar a memoria do xeneral aínda vivo, un recordo que causa sospeitosos silencios nos rexoubantes.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 18/01/2004]

Share