Chile a la vista (Caderno da vida, 11/01/2004)

Chile fica á vista todo ao longo da Cordilleira. “Mirá, aquel cerro ya es Chile” din os arxentinos desde a Puna ao extremo austral da Patagonia, e cruzando a Terra do Lume. Os “cerros” inclúen inmensas moles nevadas, mesmo a máis alta das Américas, o Aconcagua que, desde Mendoza do Cuyo, advirte de Santiago mirando o Pacífico.
Chile ten moitas entradas, polos fitos que marcan a división das augas —cara ao Atlántico ou ao Pacífico— arbitrada polos peritos da súa Maxestade Británica para pór paz entre arxentinos e chilenos. Unha delas é próxima á Aldea Beleiro, con topónimo que vén de apelido galego. Se algún viaxeiro quere aventura, entre por alí, pase a Aisén, chegue a Puerto Chacabuco…
Pero hai outras maneiras de entrar en Chile desde a Arxentina. Por exemplo cunha mostra inescusable de crónicas modernas, “Chile a la vista“. É a última edición dun libro triunfal en Chile dos anos 50, escolma do que apaixonadamente escribira Eduardo Blanco-Amor sobre unha terra tan longa e estreita que —di el— só ten dous puntos cardinais, norte e sur.
Dos salares do norte aos glaciares do sur, o lector percibe as avantaxes da diglosia. Barrocamente, como indica Edmundo Moure no limiar desta edición de Galaxia, Blanco-Amor describe o visto cun castelán tan afastado do seu galego económico, punxente, como o está a Nova Galicia —Chiloé— da Galicia orixinal.
O mestre ten páxinas de impacto (as dos “rotillos” e os cadeliños en Valparaíso, antolóxicas), e deixa ver a presencia santiagueña doutro galego supremo, Suárez Picallo. Unhas frases do sindicalista, deputado e perdedor, marcan liñas de pensamento do escritor tamén vencido: “Sólo aquí, después de haber trotado por tanta América, siente uno que se le curan las heridas, que la vida puede tener una secuencia y que aún hay salida para los callejones murados”…
Que “Chile a la vista” sexa só o inicio dunha colección-ponte, entre mundos que tanto máis se complementan cando mellor se coñecen.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 11/01/2004]

Share