Despolítica lingüística (Caderno da vida, 04/01/2004)

Seminario de “cooperação digital”. Luz tenue, ordenador, proxector e pantalla. Persoal atento ao que acontece en materia de comercio electrónico nas dúas bandas do Miño recruzado por pontes físicas e telemáticas. Cada comunicante exprésase na lingua que lle é máis doada. E, ao final, o comentario recorrente dun dos anfitrións miñotos: “Quando vocês falam galego correctamente, soa mesmo portugués”. Despois, tratando de como entregar os textos para a súa publicación, segundo comentario: “É pena o da vossa grafia. Tanto “xis” é pesadote”.
Galicia segue sen atopar o seu lugar no concerto das linguas. Aumenta a relación entre a “Região Norte” (como manda chamar Lisboa) e a “Región Noroeste” (que mandaba chamar Madrid), mais as costas seguen viradas e o destino parece fatal: portugués normativo ao sur e castelán arrolador ao norte. O Miño, unha fronteira lingüística…
A Academia Galega vén de publicar a nova normativa, pero esqueceu resolver o problema do “xis” que molesta o ollo do lector portugués. A norma que se impuxo por medo á escolarización en castelán (a cousa é do Rexurdimento) empobrece o galego e dificulta a intelección dos portugueses cando o ven escrito. ¿Por que non escribir “jeito” e pronunciar “xeito”?
¿Por que non enfrontar globalmente a realidade da lingua? Porque dá medo: Galicia afíxose a ser colonia e xa malamente admite unha fala “regional”, que ameazaría con transformarse en lingua supranacional a penas cun pequeno esforzo escolar.
No Impaís rendido non queda nin sequera vontade de comerciar doadamente, veciñalmente. Non se quere usar o idioma patrimonial para establecer relacións de negocio. Nin se chega a pensar nunha forma de diglosia consciente e productiva: a de converter o castelán agalegado en fala doméstica mentres o galego culto pasa a ser idioma de relación internacional.
Non se pensa niso porque non hai política de futuro. En Galicia hoxe mandan cautela e resignación: a despolítica lingüística.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 04/01/2004]

Share