Entre a BBC e o CCG (Caderno da vida, 21/12/2003)

As distancias en espacio e tempo axudan a ver mellor o evocado. Neste caso o afastamento é pouco. En Guimarães, polo Nadal, coméntase o XX aniversario do Consello da Cultura Galega. Logo de ollar pedras históricas, recordar a batalla de São Mamede e a independencia de Portugal, xorden na conversa Fernando X o Sabio e Dom Dinis, príncipes da cultura galaicoportuguesa; e o xogo peninsular de poderes, as posibilidades de unión de Castela con Portugal ou Aragón e o que perderon os galegos…
Entre grolos de viño, os visitantes diglósicos mostran envexa aos anfitrións monolingües; todos repasan as relacións entre linguas ibéricas na Idade Media, algún lembra unha reportaxe da BBC ao respecto (na que chamaban “The Learned” ao rei cantor de Santa María) e a rexouba deriva cara á grande fábrica de producto multimediático inglés para o mundo, nacida na democracia máis estricta, con independencia mesmo para derrubar gobernos da Súa Británica Maxestade.
Daquela varios dos presentes volven ao XX aniversario do Consello, ao que pertencen declarados animadores de Nunca Máis, investigadores sen medo ás ordes da Moncloa, perigosos columnistas de La Voz e sociolingüistas dispostos a mallaren nun goberno a penas rexionalista, incapaz de transformar a ruín diglosia galega en riqueza galaico-luso-africano-brasileira.
Na noite do 9 de decembro —lémbrase en Guimarães— ao pazo de Raxoi acudiran media ducia de conselleiros da Xunta co seu presidente. Escoitaran discursos que Madrid non aprobaría, compartiran recepción con mulleres e homes que non votaron nunca nin votarán xamais ao PP, e mesmo repartiran apertas e apertóns de mans: a cultura galega era de todos na sede do CCG.
Rematando o derradeiro ano do cuadrienio negro de Aznar, o vivido en tan escura noite de decembro fai detectar no Impaís restos dunha democracia inconcibible en Madrid. E oxalá que non resulten ilusión filla do “alvarinho”, irmán do albariño, que iluminou a parola guimarense.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 21/12/2003]

Share