Saudades de Komo (Caderno da vida, 07/12/2003)

Chuvia constante, fría a punto de lembrar neve. Ceo de chumbo no medio do día, noite á mañá e á tarde, xornada invernal. Eleccións na universidade. Conflicto inesgotable no País Vasco, conflicto anunciado en Cataluña. Aburrimento de frases ocas sobre a Constitución… Pobre España, que nunca soubo aguantar cinco lustros coa mesma lei de leis.
Mudanza súpeta. Sol sobre a Galicia moribunda; aumentou o paro, segue a emigración. Pero o sol no ceo evoca outro ceo e outro sol, estación distinta, coordenadas diferentes sobre o Globo. Illa longa que divide o Mediterráneo en dous: ao norte, o Krítiko Pélagos; ao sur, o Líviko Pélagos. Creta, o mar do seu nome e o Mar de Libia.
Cigarras loucas de calor, casiñas brancas entre o verde-gris das oliveiras e o verde brilloso das vides, estradas recurvas e, de cando en cando, cemiterios de alemáns lembrando ocupación militar e resistencia. Igrexiñas en branco e azul, popes de negro sobre burros grises, vellas de loito a limparen capelas en miniatura ao longo do foxo da estrada: recordatorios de accidente.
Os viaxeiros conseguen chegar con saúde a Mátala, vila-oasis no mar líbico, praíña de area clara e covas no cantil cor crema. Turistas alemáns; paisanos que nunca viran un español e din que Turquía é un perigo para a Europa que paga en euros.
A seguir, Komo, na secura rochenta. Xacemento arqueolóxico e santuario de tartarugas que veñen desovar de noite. O vento da Libia obriga a procurar refuxio entre as poucas árbores que resisten a pé do acantilado. Na sombra escasa xa están os alemáns, nus, cubertos de crema de cenoria.
Pola praia longa e pálida todo son formas mórbidas, dondas, louras, xermánicas. Na auga dolorosamente azul, tépeda, unha parella entrégase ao tálamo acuático. Ninguén repara, porque cadaquén na súa nudez goza o propio: a auga e a vista das montañas pardas nas que a neve aínda pinta, recordando que o inverno existiu…
De Komo habían ficar saudades para moito tempo. E ficaron.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 07/12/2003]

Share