Relendo a Historia (Caderno da vida, 23/11/2003)

Ferrol. Encontro en nobres estancias castrenses. Galería de ilustrados pretéritos, uns con perruca e afeitados, outros de cabelo curto e fartas barbas segundo as modas dos séculos. Comentarios que conducen á tristura: por esas mentes pasou unha concepción ambiciosa de España e do poder naval, como poder mundial. Pero non lles deixaron facer porque España nunca foi dona de si.
Fin de visita. Conversa no parador que puido ser elemento do Ferrol dezaoitesco e ilusionado de Fernando VI, “único Borbón que mirou por España en primeiro lugar”. No arsenal, unha fragata a estrear por Aznar, que os operarios secuestraran para pedir aumento de soldo… Aos ilustrados do século XXI dóelles o esperpento da España dos políticos, e fan chanzas sobre a teima histórica dos que ven as cousas feas para Madrid porque o País Vasco e Cataluña tentan facer memoria.
Os políticos que esbardallan non leron; nin historia segundo se contou, nin a historia que puido ser. E velaí un libro que corría polas catacumbas en tempos de regra franquista: “A History of Spain and Portugal”, visión dun irlandés amante da Iberia dos gregos, Hispania toda dos romanos, agora xa sen ten fronteiras interiores. William Atkinson entregou á Pinguin en 1960 “unha historia” (non “a historia”) na que se valora a hipótese dun grande estado ibérico que viñeron frustrar as intrigas de dinastías reais estranxeiras.
¿Por que non tres reinos “naturais” nese estado? O occidental, galaicoportugués, lanzado ás descubertas atlánticas; o central, castelán-andaluz, proxectado á África veciña; e o do Leste, catalanoaragonés, comerciante ata os confíns do Mediterráneo. ¿Por que non, se agora todos podían ser parte dunha civilización superior, hispánica, sen tensións de lingua e cultura?
A Atkinson só se lle pode criticar que neste empeño supranacional non soubese dar emprego aos vascos. Quizais porque non andou dabondo pola Iberoamérica. Faltoulle o mesmo que ao Sabino Arana: ser de Ferrol.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 23/11/2003]

Share