Incidente en Verín (Caderno da vida, 16/11/2003)

Verín, castelo sobre o val de Monterrei, belísimo, tinxido de ocres outonais; parador de turismo, nobre e alto tamén. Unha nobilísima orde de cabaleiros con capa e chapeo celebra o seu magosto anual, ao que asisten damas: cata de godellos e mencías, e xantar no que cabrito e cogomelos se xuntan ao froito rei do san Martiño.
Hai espectacularidade nunha parte da cerimonia, con gaiteiros vestidos á moda antiga. Compréndese logo a curiosidade de turistas que, pasando pola autovía das Rías Baixas, decidiran facer parada en Verín.
Acabada a cata avanzan solemnes os cabaleiros, con estandarte e donas divertidas. Os foráneos miran, e de entre eles xorde unha señora a preguntar en castelán en que consiste o rito. Co mellor dos sorrisos un cabaleiro xuramentado para defender os viños galegos dálle clara explicación na lingua natural do país.
Daquela a viaxeira reacciona airada: “Oiga, oiga, a mí en castellano”, ao que o cabaleiro amante do viño e as castañas lle responde en galego que a cousa non é para tanto, que ela ben lle entende pois o castelán e o galego son falas irmás, moi semellantes.
Nunca tal fixera porque o marido da visitante salta como impulsado por un resorte: “¡Esto sí que es nacionalismo, qué bárbaro! ¡Vámonos, vámonos!”…
Na mesa do xantar coinciden persoas de distintas idades e profesións, desde a escultura á enxeñería pasando pola avogacía e a elaboración de viños. A conversa vai desde sereas de bronce no paseo marítimo coruñés aos caldos do Douro, e mantense entre galego e castelán, segundo lles peta aos comensais. Un deles, natural da áspera Castela a Vella e parceiro de negocios no fértil Rosal dos viños, mostra vontade de comprender e aprender, goza coas peculiaridades da fala das Rías Altas, identifica a parrocha como “la xouba del norte”…
Na fin da xornada fraternal coméntase o incidente: con españois rexeitadores do minimamente distinto, ¿como manter España unida?
Se cadra, pola intelixencia superior doutros.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 16/11/2003]

Share

One Comment

Comments are closed.