Feijoo, Feijóo, Feijó e Feixó (Caderno da vida, 09/11/2003)

Museo de La Voz. Serán dedicado aos selos de correos, á idea da tarifa plana que xurdiu coa estatalización de servicios dispersos hai século e medio, en tempos de revolución comunicativa, de camiños de ferro e liñas telegráficas paralelas a eles.
Selo conmemorativo da antiguidade vivaz dun xornal. Presencia de persoas interesadas polos inventos e a súa repercusión social. Copas e petiscos á fin dos discursos.
Personaxe importante, actual ministro das obras públicas dun impaís ao que lle sobran personalidade e Historia, malia a teima de propios e alleos por facelo desaparecer do mapa das nacións con lingua de seu. O personaxe mostra a curiosidade intelectual dos que non distinguen entre Ciencias e Letras. Sabe que ten un segundo apelido estigmaticamente galego e pregunta pola ortografía do mesmo: ¿Feijoo, Feijóo, Feijó ou Feixó?
Feijó, respóndelle un afeccionado aos resumos de cultura que son os nomes de familia. Feijó está escrito como sempre se escribiu, desde a Idade Media en que xurdiron eses nomes, tan peculiares coma o que fai referencia a un prezado froito da horta, que se cría tamén arredor das canas de millo. Feijó, con “o” aberto final, é o mesmo que “feijón” (ou “feijão” en versión portuguesa) e débese pronunciar como “feixó”. Feijó, de “Phaseolus” en latín, non ten dereito a “x” escrito; non é un caso coma os de Seixo ou Teixo, que xa o levan no étimo. Non está castelanizado.
A curiosidade do ministro vale para unha reflexión, sobre a maldición ortográfica do galego; e sobre a infinita riqueza dos apelidos de Galicia, tantos coma topónimos da terra que ten a metade dos lugares con nome de toda España; máis os patronímicos, e os de condición, profesión, animal totémico, árbore tribal etcétera.
O galego debidamente escrito debería distinguir, por exemplo, entre “queijo” e “queixo”, “ameija” e “ameixa”, e os apelidos que foron dando. Debería, se os galegos (que tentan pronunciar o inglés difícil) quixesen ser galegos.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 09/11/2003]

Share