A razón dos vascos (Caderno da vida, 02/11/2003)

Zamudio, parque tecnolóxico activo por vasca vontade de facer país —vasco— sobre a innovación industrial. Na institución que acolle a xuntanza de técnicos ibéricos os letreiros son trilingües, inútiles en vasco para os visitantes; e se cadra para os vascos, que non falan éuscaro (a penas a recepcionista responde ao teléfono con “egunon”).
As discusións profesionais transcorren en castelán e portuñol dos portugueses, só intelixible ao completo polos galegos. Á hora do café os portugueses falan portugués entre eles, os cataláns (algúns con apelido aragonés ou murciano) enténdense en catalán; dous galegos usan a lingua patrimonial e tres máis imitan o castelán. Do resto de españois non hai dúbida…
Ao xantar a mesa é asaltada con riquezas dunha terra aparentemente pobre nos seus verdores claros, cálcicos; e coa impertinencia duns andaluces que se lanzan a ofender sen recato: “qué animalada (sic) iso de que sexan inmigrantes os españois”, “que burrada (sic, de novo) o de ter que aprender todo en vasco cando se pode aprender inglés”.
Faise un silencio feo, que vai dificultar o acordo para que veñan fondos de Bruxelas a España e Portugal con destino a un proxecto ilusionante, repetible nas Américas de españois e portugueses. O xantar remata con comentarios de viaxes, vaguidades, a conferencia de “Euroindia” en marzo…
Sondica, aeroporto caprichoso polas formas. Avión con atraso. Os dous galegos que falan galego móstranse apesarados. Un di que España non se pode facer só con nacionalismo español; e o outro, que ao seu avó lle esixiran no Brasil exame de portugués para lle concederen a nacionalidade.
Os dous están de acordo nas razóns dos vascos: nación é un pobo que quere selo, e inmigrante todo aquel que vén de fóra ao territorio da nación. Non fai falta crear un estado para poder esixir respecto ao propio, mesmo a un idioma quimérico. Triste a España —conclúen— que obriga a unha nación a querer ser estado para que a respecten.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 02/11/2003]

Share