Sic transit gloria Wojtylae (Caderno da vida, 26/10/2003)

Varsovia, perdida na chaira centroeuropea, á beira dun río visualmente insípido, é cidade de contrastes. Ventos rexeantes ábrense paso entre rañaceos rancios, soviéticos, e outros modernos, alemáns. Coma unha Sodoma triste, sorprende o viaxeiro pola cantidade de anuncios sobre a fornicación que o perseguen desde a rúa ata o cuarto de hotel en barrio decente. Pero tamén o sorprenden tantos fieis, vellos e novos, nas igrexas.
Nelas sucédense misas, rezos e cánticos en lingua descolocada, eslava pero escrita con símbolos latinos que cumpriu distorsionar para adaptalos á fonética propia. A pronuncia do apelido Wojtyla é inimaxinable para quen le e escribe en romance occidental, e hai casos aínda máis difíciles…
Grandes retratos do grandísimo heroe nacional -o Papa de Roma- vistos nos templos levan a conversa dos visitantes da Fisterra europea a mesturar a estética cos puntos de meditación e os exercicios espirituais.
A ancianidade -dise- pode ser bela ou fea, dependendo da etapa pola que pase o ancián, que non sempre se comporta coma un cativo segundo o “Eloxio da loucura”. Hai senectos conscientes da súa figura patética que procuran librar os demais dun espectáculo triste, ou mesmo noxento. Pero o papa polo que rezan os seus compatriotas, ao que lle furtaron o premio Nobel da Paz (en versión de café de Varsovia), avanza diante das cámaras cara á postura fetal, á ollada turba e á baba.
– Sic transit gloria Wojtylae -latiniza un galego, e outro traduce a frase ao alemán para os colegas polacos.
Quizais sexa a lección que o decrépito prematuro tenta dar ao mundo, a da destrucción en vida da súa estampa, para que os demais se miren en tan alto espello vaticano. Mais un nordés que cheira a neves rusas trae o calafrío da dúbida á parola deambulante: ¿será que os ouropeis cegan a Karol?, ¿que se vence á loa dos incapaces de criticalo?
Incrible, pero saiba Deus. Porque a alma dos homes é fonda de máis para que os humanos a coñezan.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 26/10/2003]

Share