Agonía e Exitus (Caderno da vida, 19/10/2003)

Exame de proxectos fin de carreira. Aula penumbrosa, ordenador, proxector e pantalla. Tribunal en que se mesturan as idades e as formalidades no vestir. O alumno é rapaz novo con traxe para a ocasión, que lle fai suar profusamente. Axudan os nervios: non debe fallar nada no programa que trouxo para demostrar o valor do seu traballo.
Tuse e avanza na exposición con tempo medido. Explica un sistema telemático para conectar unha realidade dolorosa coa lóxica hospitalaria. Trátase da hospitalización a domicilio, eufemismo solidario para o coidado a doentes en fase terminal.
A pantalla mostra en grande o que o asistente dos enfermos vería nun dispositivo pequeno. Despréganse “menús” que analizan todo o referente ao ser humano que se vai co decoro que merece. A programación considera os seus estados físico e anímico, e o estado de ánimo dos parentes que o atenden.
Cando o estudiante chega ao punto da AGONÍA, as caras do tribunal coinciden coas do público: seriedade grave de persoas conscientes de que todas van pasar por esa porta. E aínda fica o punto final, o EXITUS, a saída, que nada ten que ver co éxito. O latinismo que oculta a morte (“exire” significa saír) convértese en bits indescifrables, cheos de respecto polo defunto, que atravesan redes “tunelizadas” desde a casa ata unha base de datos no hospital…
Resultado: matrícula de honra. O pai do mozo triunfante ofrécelle un aromático habano ao titor. Pero ambos levan moito Impaís ao lombo e temen outra saída, en vida, o “exitus” dos fillos que se van. Teñen experiencias nas súas familias.
Calan e temen. Apoiaron moral e intelectualmente un invento que se pode usar en todo o mundo con telecomunicacións modernas. Un traballo loureado, que tantas suores custou, pode ficar en quimera por falta doutros apoios; ou emigrar, como os mellores cerebros, porque aquí non se entende o negocio da telemática, que é ubicua e aplicable a todo, mesmo a morrer con menos dor e máis dignidade.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 19/10/2003]

Share