Da VPN ao PNV (Caderno da vida, 12/10/2003)

Durante tres días, en San Lázaro, por onde entran os peregrinos a Compostela, reuníronse varios centos de persoas interesadas na utilización das técnicas da información e a comunicación.
Tres días xuntos por iniciativa dos responsables da Innovación na Xunta de Galicia, reunidos gracias a Feuga, acrónimo que indica “empresa e universidade”. O que xa pasou e vaise repetir chámase Galicia TIC e serviu principalmente para deixar patente unha crise grave: a do afastamento entre a oferta e a procura. Este recanto extremo da Europa non consegue erguer a cabeza por varias razóns, unha das cales é que as empresas dificilmente comprenden as vantaxes de enviar e recibir información por vía telemática.
Pero a culpa non é deses entes chamados friamente empresas senón dos expertos encargados de chegar a elas coa oferta de innovacións. O espírito da colonia domina España e os galegos son dobremente colonizados. Coma monicreques inseguros de si mesmos, os españois “tecnólogos” (que así se autocualifican) falan en imposible, elaboran unha diaria sopa de letras traídas do inglés. En Galicia o galego tecnolóxico está prohibido. Cómpre falar en castelán minado polo inglés dos inventos.
E o autodesprezo pasa factura, como demostra unha anécdota contada en Galicia TIC:
Un dito tecnólogo ofrece a un empresario comunicarlle a central da compañía coas delegacións mediante unha “VPN”. Fala e fala das vantaxes desa “tecnoloxía” (que só é unha técnica) ata que o empresario, farto de non entender, protesta:
– Mire, nin VPN, nin PNV, nin Herri Batasuna. ¿De que me está a falar?
Dunha rede privada virtual, en inglés “virtual private network” (VPN en siglas). Diso falaba o experto, sen decatarse de que calquera se pode aproximar ao significado dun concepto cando se lle ofrecen os termos correspondentes na súa lingua…
En fin: abraiar o cliente con siglas conduce a non vender, e o traballo de innovación pendente no Impaís é máis lingüístico ca telemático.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 12/10/2003]

Share