Contra o inglés (Caderno da vida, 05/10/2003)

Praga converteuse en destino vulgar: en outono, temporada baixa, congresos para doutores de todo o mundo, turismo de cervexa e bordel para obreiros da Europa rica. Sobre fondo de bosque ocre e casarío cor pastel, xorden lembranzas dunha nenez distante: verbos ingleses recitados na cidade que tivo un cinema “New England” e un hotel “Ideal Room”, única a estudiar inglés na España afrancesada.
O congreso en Praga ten por idioma oficial o inglés, sen traducción; e o viaxeiro mestura recordos de infancia e mocidade co seu actual desacougo docente: sempre inglés, clases particulares da “miss”, e no instituto (polo que agora lle é doado imitar a fala dos que inventan e mandan na técnica). Pero tamén aprendera Matemáticas e Física, como os colegas checos, que falan alemán, ruso e inglés…
Hoxe en España a xente está convencida de que os postos de traballo se gañan con “inglés e informática”, como pregoan políticos incapaces de seguir unha conversa na lingua franca do mundo, ou de teclear diante dun ordenador.
Triste engano. Porque nunha sociedade tecnoloxizada de nada vale “saber inglés” se non se entende de teoremas e ecuacións. Irlanda está chea de ignorantes conversos ao inglés, e os Estados Unidos teñen millóns de analfabetos a pensar e sentir no inglés que recibiran co leite materno.
Praga en outubro, gris torre de telecomunicacións a punzar a palidez azul do ceo. No extremo contrario de Europa comezou o ano lectivo e no primeiro curso dunha carreira técnica hai quen non sabe o valor de raíz de 2; en terceiro, o que significa “alfanumérico”; en quinto, quen foron Von Neumann e Von Braun.
Alto, pois; cautela, reflexión: o inglés é importantísimo (sobre todo para ler a Orwell en versión orixinal, ou a Jan Neruda traducido do checo inatinxible), mais primeiramente póñanse os rapaces a aprender en romance ibérico as materias que aquí se ensinan en lingua eslava. Se non, España será kafkianamente borrada do mapa: falando inglés.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 05/10/2003]

Share