Empresiñas desinformadas (Caderno da vida, 28/09/2003)

Quizais sexa o Prestige a soltar “hilillos” desde os abismos; se cadra, a ameaza constante de Nunca Máis. O caso é que desde Majrit, capital de Centralia, grandes persoeiros andan de xira na afastada provincia de Alén-Montes.
Hai días, nun hotel con vistas ao porto do maior burgo marítimo da provincia, houbo xuntanza de enxeñeiros de telecomunicación presidida polo secretario de Estado para ese gremio e mais para a Sociedade da Información.
O secretario lanzou discurso ben memorizado (sen ollar papeis, mentres fumaba habanos na imitación do señor dos Hilillos) sobre a crise do sector, e rematou con tons poéticos: “As telecomunicacións son asunto de século XX, e o reto do século XXI é a Sociedade da Información”.
Lindo, pero estaba a falar para enxeñeiros —algúns con trinta anos de profesión ao lombo— aos que a poesía non dá mantenza. E un deles, de apelido estigmaticamente alenmontés, entroulle ao coloquio cunha pregunta que marca a prosa do cotián en Alén-Montes: ¿Como se poden integrar na Sociedade da Información as pequenas empresas? Porque, claro, Alén-Montes ten só unhas ducias de empresas con tamaño dabondo para entenderen o valor engadido da telemática. O resto son milleiros de empresiñas no ermo do descoñecemento.
O secretario respondeu elegantemente como avogado —o que é— con moi bo oído para reproducir o que escoita aos enxeñeiros. Acompañábano dous directores xerais da Xunta do Impaís Alenmontés, que calaron —obedientes a Centralia— e non pasou nada.
Ou pasou: que os alenmonteses son raros de carácter e calan ás veces; e que calaron desta porque viaxan e ven o que se está a facer noutras provincias extremas da Unión Continental: un labor constante de convencemento aos empresarios, o traballo dos visitadores telemáticos, a santa misión tecnolóxica que pagan os estados…
Pero “Centralia is different” (xa o din os carteis turísticos) e nela non hai técnicos a visitar empresas, senón políticos de xira pola periferia.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 28/09/2003]

Share