O mal de Chagas (Caderno da vida, 21/09/2003)

Di o tango que “el mundo siempre fue y será una porquería” e por veces, cando o veo das urxencias diarias permite ver alén do inmediato, salta a alarma nas consciencias. Tal acontece co mal de Chagas.
Curiosamente, esa alarma dispárase nun hospital norteamericano. Gravemente, o hematólogo advirte de que o mal de Chagas, traidor, vai entrando nos Estados Unidos por vía das transfusións de sangue.
A presión demográfica dos que malviven alén do Río Grande leva para o Norte o que alí non pode introducir un insecto chamado no Brasil “chupão” ou “barbeiro”, e na Arxentina “vinchuca” ou “chinche gaucha”. Endémico de terras quentes e secas, fai niño no barro e as pallas das casopas; pola noite sae do tobo, chucha o sangue dos que dormen e sobre eles defeca. As feces conteñen o malvado Trypanossoma Cruzi, capaz de ocultarse durante décadas no organismo da víctima ata que comeza a asañarse contra as súas vísceras e a mata, con frecuencia por miocardiopatía.
Vinte millóns de iberoamericanos sofren a doenza, e cen millóns poden chegar a padecela. Suman moitos máis cós enfermos da SIDA, pero a diferencia está en que os ianquis tamén son vulnerables ao virus compañeiro do sexo.
Os laboratorios químicos do Norte inventan todo tipo de droga contra as laceiras dos que poden pagar o seu alivio, mais non apostan pola saúde do “pobrerío latino”. Nada lles importa o sufrimento causado polo tripanosoma que descubriu o médico brasileiro Carlos Chagas e estudiou ata a minucia o arxentino Salvador Mazza (e que, se cadra, desgraciou a vida de Charles Darwin). Nada lles importaba, ata que soou a alarma: América —a exclusiva dos que falan inglés— vese ameazada por unha nova praga.
Pero non hai mal que por ben non veña. Porque, quizais, para salvar uns centos de norteamericanos infectados, calquera laboratorio do imperio da ciencia útil será capaz de descubrir o antídoto… que poderán pagar a prezo de ouro, tamén, algúns miles de iberoamericanos ricos.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 21/09/2003]

Share