Juan Griego (Caderno da vida, 07/09/2003)

Restaurante grego nunha ruíña cega coruñesa. Luz tímida e música suave, voz aguda de Elefteria Arvanitaki. Unha xerra de viño “retsina”, pan con aceite e toques de plantas que traen ata o Arco Ártabro un mundo sempre presente na fala técnico-científica.
Grecia xunta á mesa un grupiño de técnicos con vivencias e lecturas comúns. Sobre do bacallao con iogur un deles lembra a tarde outonal en que o Adolfo Domínguez se achegou ata a Coruña das escalas cara ao Novo Mundo e presentou a súa novela “Juan Griego”. O deseñador, novelista e cineasta confesou descoñecer en directo as realidades humanas e físicas da traxedia arxentina contada. Fora o espanto dos horrores coñecidos por distintas vías o que o levara a facer o relato, case guión cinematográfico…
Baixa o “retsina” na xerra e fálase das Cíclades, de navegar a vela entre illas albas, manchadas de verde-gris, sobre un mar anil que doe nos ollos. Chegan peixes galegos aromatizados á grega e os comensais paran co recordo nunha “psarotaverna” de calquera portiño mínimo, nos mesmos recendos. Hai a pregunta de por que o Domínguez escolleu o apelido Griego para o seu militar arxentino; e de aí, entre talladiñas de peixe e garfadas de arroz, pásase á condición militar e ás glorias matadoras dos exércitos.
As lembranzas levan a un Buenos Aires con televisión en branco e negro, ao anuncio do gaucho a galope sobre a pampa sen fin que, por engano televisivo, se convertía en piloto de avión de combate. A voz poderosa dun “hombre-macho” crioulo dicía só “Argentina, potencia”.
Potencia, ¿para que? ¿Para matar “zurdos”, supostos esquerdosos? Á sobremesa os comensais están filosóficos. Derivan entre a transferencia de tecnoloxía militar ao ámbito civil e as leis de obediencia debida.
Coa conta (“logariasmos”, case logaritmo) alguén pregunta se o Adolfo Domínguez se atreverá cunha segunda parte da historia de Juan Griego, agora que os arxentinos se dispoñen a pór a cadaquén no seu atroz lugar.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 07/09/2003]

Share