Odios cervales (sic) (Caderno da vida, 31/08/2003)

Os personaxes son os mesmos das páxinas anteriores deste “Caderno da vida” pero o escenario mudou. Xa non están na praia de Beo, en Bergantiños, senón nunha rúa “chic” do Madrid en que foron estudiantes ambos, no que un ficou para sempre e do que o outro fuxiu. Non os quenta o sol que desde a Fisterra procura New Hampshire en liña recta; míranse ao luscofusco da cidade baleira que non sabe nada de mar, nin de naufraxios; que non entende a sozobra da Xangada de Pedra.
Un Madrid de saudades xuvenís, que lembra horas de estudio na calor seca da Meseta, acaba de ser lugar de traballo longo e arrefriante pola inclemencia do aire acondicionado. Hai empresas que non paran, e cómpre tomar decisións mentres outros toman o sol na praia ou no barco.
O emigrante e o retornado están cansos; folgan na terraza da cafetería como facían nos tempos de colexio maior e materias pendentes para setembro, nun barrio tranquilo e cordial, no que parecería que nada mudou e tantas mudanzas houbo. Por exemplo, na fala dos camareiros que agora non atenden en rexo castelán tocado por outras linguas da Península senón en algo brando, caribeño, cargado dos “okays” dun inglés ianqui que aburre: aquilo era no “rompeolas de las Españas” do centralismo franquista; isto, no “de las Américas”, autónomo, con asemblea.
Á mesa con cervexa chega rumor televisivo de declaracións autonómicas, e os galegos, apercibidos, escoitan algo que os some no abraio: unha señora loura e delgada que loita por mandar denuncia “odios cervales” no parlamento da Comunidade. Esa señora vén de presidir un senado que só vale para repartir coenxías pero no que conta o falar; e antes fora ministra de Cultura…
Na linda noite madrileña fican dúbidas do rumbo de España, porque nela xa non debe haber ministrables que saiban do deus Pan, nin do terror pánico que sofren os cervos, pouco odiadores. Se cadra haberaos que saiban de “salsa”, mais non de Grecia; do “latino” mais non do Latín medular.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 31/08/2003]

Share