Emigrantes e inmigrantes (Caderno da vida, 24/08/2003)

Costa da Morte, claudicando xa o mes de agosto do 2003. Todo é calma luminosa na praia de Beo, branca manta de area cerrada polo arco dos cantís que lembran negrume de chapapote. O nordés duro sobrepasa o areal e a auga manda baño.
— Fechai portas e fiestras —di un bañista.
— Tes razón, porque isto se baleira —di outro—. É que non vos vai quedar un fillo aquí. Nunca se produciu en Galicia sangría maior.
Unha gaivota gris traza círculos maxestosos, e algas transparentes, tenras, agariman os corpos dos que contemplan a ave con rostros marcados polos anos.
— Fechai portas e fiestras… —volve o primeiro ao verso famoso—. Cando nós marchamos, neste buraco só podías estudiar para crego ou farmacéutico; e mira todos os enxeñeiros que quedastes en Madrid, só alí… Pero agora os rapaces poden estudiar aquí de todo.
— De todo para emigraren. Ata os médicos se van —o compañeiro de gozo bota auga na cara coas mans en cuncha, como para aclarar ideas—. Eu funme para estudiar e acabei casando e facendo familia alá. Ti volviches e agora vánseche os rapaces. Xeración máis ou menos, aquí non queda ninguén.
— E os políticos coa andrómena de acollermos inmigrantes.
— Porque necesitan criadas.
— Porque as necesitades en Madrid e xa non as hai galegas: unha vez máis a impornos o voso modelo.
— É o momento máis perverso da nosa historia —solemniza o emigrado—. Antes Galicia perdía burguesiños educados pero seguía con forzas para procrear, xeraba pobo propio; pero xa as perdeu e mira ti a xentiña que hoxe vai entrando aquí.
Silencio, a gaivota gris vixía peixes que rompen a tersura da tona da auga. O residente en Galicia retoma a conversa:
— Manda truco que ti só pasases aquí dezasete anos da túa vida e sexas galego para sempre. Valéronche a primaria e o bacharelato para seres un desgraciado.
— Pois si… Aos teus fillos hai que sumarlles os anos da carreira.
Novo silencio. Algas oníricas, ondas suaviñas, rochas insensibles. Restos de toxo queimado no monte.
Impaís.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 24/08/2003]

Share