A enerxía mareomotriz (Caderno da vida, 17/08/2003)

O veleiro zigzaguea pola ría de Ares, espléndida na suavidade das súas lombas verdes, gardada pola Marola cónica, que ten sona de bravura cando o mar enrabexa no Golfo Ártabro. Na tripulación vai xente técnica, civil de traxe ou con uniforme e galóns, pero arroupada de leve en singradura de agosto. O grumete, de ollos claros coma auga do trópico, xa leu “A illa do tesouro” en versión galega e atende ás conversas dos maiores entre miradas aos instrumentos de navegación.
Fálase de telecomunicacións, xestión do coñecemento, telemedicina, transportes e enerxía alternativa. Pasadas as Mirandas o tema de conversa é o “blackout” de Nova York, e xa nesa altura as ondas son anchas e poderosas. Dous buques de alto bordo, ancorados quizais á espera de amarre, indican coa proa que a marea está a encher a ría ata as fonduras do Eume…
O setenta por cento do Globo está cuberto de mares e a auga é oitocentas veces máis densa có aire; Lúa e Terra xogan a cotío nas súas órbitas para que non falten correntes mariñas; as mareas son sistemáticas, predicibles, e Galicia conta cunha chea de puntos onde aproveitar a potencia que século a século lle vai modificando as costas.
¿Qué falta por facer? O de sempre -lamentan os técnicos-, investigar, aplicar coñecementos científicos, moverse como outros fan. Por exemplo, os galeses, ou os noruegueses, cos seus deseños de turbinas e os seus procedementos químicos e eléctricos para evitar a corrosión das estructuras mergulladas.
Unha rolda de ron xamaicano alixeira as linguas e chéganse a facer hipóteses: se hai vinte anos a eólica era enerxía quimérica e hoxe está a render, non sería logo estraño que, en dez máis, a mareomotriz se convertese no que debe ser: algo moito máis rendible cá eólica.
As rías deben ser criadoiros de peixe e marisco, e áreas de producción de enerxía. Ese é o futuro de Galicia, un futuro que gobernará, sen dúbida, o grumete de ollo esperto e oído a sorber ideas entre ondas e vento.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 17/08/2003]

Share