Sefardís e mouriscos

Hai pouco La Voz anunciaba que os sefardís van poder adquirir nacionalidade española (e a seguir, cidadanía europea), o que aumentaría o número de españois na diáspora en tres millóns e medio. Tarde piou un Goberno español, mais sexa benvida a iniciativa.

A expulsión dos xudeus dos reinos de España está máis ca estudada e non paga a pena volver sobre ela. Que eses coitados, arrincados das súas terriñas, levaron consigo a saudade eterna de Sefarad, abonda con que un os trate para o saber. Que aínda falan lingua vella da Castela, é un feito. E ben se ve que teñen apelidos españois, mesmo tan galegos coma Aguiar, Barcia, Cabana, Dacosta, Estévez, Ferreiro, Gago, Henríquez, Lamela, Mariño, Novo, Ocampo, Pazos, Regueira, Saavedra, Teixido (sen castelanizar), Ulloa, Vales…

Eran hispanos, da Galicia extensa, da Castela, de Aragón e de Al Andalus. Ora, tamén o eran os muladís e os mudéxares, convertidos nos mouriscos que partirían ao exilio once décadas despois dos xudeus. Os descendentes de mouriscos (salvo en Marrocos, e poucas familias) non son recoñecibles polos apelidos como os sefardís; mais non por iso deixaron de ter nostalxia dos seus pagos de orixe nin son menos españois vellos cós «fillos de Israel». Daquela, algo haberá que ofrecerlles á procura de xustiza histórica universal.

[La Voz de Galicia, 14/02/2014]

Share