Do estrume ao lume (Caderno da vida, 10/08/2003)

Unha calor groseira esmaga os verdes desde Burela a Coimbra. A “Gallaecia” completa, lucense e bracarense, sofre un agosto infernal. Pero seica hai diferencias, porque ao norte do Miño non se rexistran moitos incendios mentres ao sur o estado declarou a calamidade por lume.
Ao norte, case tocando o Cantábrico, fálase do asunto. Na Ferreira do Valadouro (que non “Valle de Oro”) unhas damas piden que continúe o milagre dos ceos sen fume, e os señores que as acompañan aseguran que non hai lume pola mesma razón que vai tanta calor: milagrosamente o nordés non sopra e os incendiarios non vén logo rendemento ao seu choio vil. Ollando a fortaleza de Pardo de Cela, que lembra a submisión da Galicia e as súas eivas, no Valadouro resúmense as causas principais dos incendios: a despoboación e a mudanza do trato ás vacas domésticas. E para resumir úsanse palabras como “limpar”, “mato”, “estrume” e “cortes”…
En Portugal arde “a maior mancha de pinheiros bravos da Europa”, revoan hidroavións e helicópteros e cheira confusivamente a churrasco: un policía informa de que ardeu unha granxa de porcos. Un xefe de bombeiros, resuado, pintado de fume e cinza, explica para os xornalistas que “Nas aldeias a gente já não limpa o mato porque não precisa fazer estrume nas cortes das vacas”.
Os viaxeiros galegos que asisten á explicación lembran o falado na Ferreira, case cincocentos quilómetros ao norte. Un deles recorda que “todo o idioma galego está contido no português”, frase de Ernesto Guerra da Cal. Outro di que a relación entre os habitantes da Galicia oficial nos mapas españois e os da Galiza inexistente nos mapas portugueses vai alén da lingua que agoniza ao norte. No fondo, son a mesma xente: comen grelos.
E, mentres o comentan, un veciño do “concelho” que arde enteiro propón prohibir os foguetes en tempo de verán para reducir os riscos de lume: exactamente o mesmo que propoñen algúns veciños chamuscados dos concellos galegos do norte.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 10/08/2003]

Share