De Eric Blair a Tony Blair (Caderno da vida, 03/08/2003)

A Gran Bretaña gabea polos paralelos ata latitudes escandinavas; por iso é illa de fríos. Terra do maior imperio que o mundo coñecera, encheuse de xentes exóticas, a penas unidas pola lingua imperial.
Pero ás veces dáse o fenómeno da calor en verán, das suores que chegan perna abaixo ata o verde impoluto do “lawn”; e fican lugares onde quen serve as cervexas é louro, onde todos os fregueses son paisanos —menos, se cadra, uns visitantes de país que sempre chamou a atención dos británicos, co que quixeron vivir en paz malia a obediencia borbónica a Francia.
Feitas as negociacións no centro de transferencia tecnolóxica, o director ofrece ir coñecer un veciño que estivo na guerra civil española; e presenta un ancián rexo, algo duro de oído “por culpa de tanta explosión”, que conta a súa vida introducindo palabras castelás.
Era un rapaciño cando abandonou a RAF “para ir loitar contra os fascistas de Franco”. Chegou a Barcelona na esperanza de practicar cos avións rusos e meterse de contado a derrubar bombardeiros alemáns e italianos. Pero foille imposible, toleárono entre anarquistas e comunistas; mesmo o meteron na cadea acusado de espía. E volveuse, defraudado, “como o George Orwell, que se chamaba Eric Blair”.
O rapaz que non puido loitar contra os franquistas e os expedicionarios do Führer e o Duce logo tería unha grande ocasión na Batalla de Inglaterra; e en todo o que seguiu. Pero Eric Blair volveu de Cataluña amargamente tocado, “cun tiro na gorxa” e sen forzas para manexar máis armas que a máquina de escribir.
Con ela criticou o comunismo, zorregou duramente o stalinismo e rematou carreira profesional e vida escribindo “Rebelión na granxa” e “1984”. “Orwell foi un tipo politicamente incorrecto, algo que non se admite nin en democracia”, asegura o vello piloto de caza.
Por iso, quizais, ao se cumprir o centenario do nacemento de Eric Blair na India, non se fala moito del no país de Tony Blair. E case nada no do seu acólito Aznar.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 03/08/2003]

Share