Don Rodolfo en Compostela (Caderno da vida, 27/07/2003)

Galicia, no véspera do Patrón. Membros dun douto consello van confluíndo na Douta Aldea coa orde do día meditada. Brétemas densas cegan nos altos, mais en chegando a Compostela vese sol. Transcorre a mañá en discusións mentres as nubes corren para o norte, e xa nos rogos e preguntas un conselleiro transmite petición de apoio a don Rodolfo. Hai xogos de ollares sorprendidos ata que outro membro do consello di que non: poida que sexa un home honrado pero está cos deshonradores. Non.
Silencio, mesto silencio que de súpeto rebenta coas doce, a foguetería, as bombas potentísimas e un estouro da badalos e campás. Axiña unha banda de tambores inicia percorrido entre turistas.
Non… Remata o consello e os conselleiros diríxense ao lugar do xantar tradicional. Atravesan a babel do Obradoiro, onde se escoitan todas as falas da Europa, mesmo o éuscaro inconcibible; e, ¡oh casualidade!, ven vir cara a eles o mesmísimo don Rodolfo en traxe azulado cun só escudeiro vestido de marfil, distante, incapacitado para protexer o seu señor de piñas ou mocazos.
O inventor de nacións provinciais avanza ollando o frontal de San Xerome nunha enruga de pálpebras tras dos lentes grosos. Lonxe fica a súa Castilla-León de fantasía (“Leoneses desconfiad de Pucela” di o letreiro en terras maragatas). Aquí pisa terreo de nación total con lóxica negativa, confiado no dito andaluz: “Gallegos, mansurrones”.
¿Que andará a pensar don Rodolfo? Porque na súa mente de enxeñeiro economista han estar feitos os cálculos, do que se leva gastado no desastre, do que se está a gastar e do que cómpre seguir gastando. Alén do seu aceno de perenne tristura hai intelixencia dabondo para manter aberta a chaga: sabe calcular límites e descubriu que os gastos polo afundimento do barco tenden a infinito. Non hai licenciado en Dereito que o engane.
¿Qué pensará, logo, dos culpables da desfeita? ¿E de quen os arroupa? Nada, tal vez. Tamaños foron os erros que quizais nin queira pensar.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 27/07/2003]

Share