Polos fillos dos fillos (Caderno da vida, 20/07/2003)

Almieiras, praíña linda de Fene. Dous fillos dos tempos da fame, da posguerra tan atroz coma a guerra, sécanse ao sol da paz democrática e falan do que lles contaran os vellos: dun alcalde e o secretario empeñados en acabaren cos asasinatos logo do alzamento. Dispuxeran que en Fene non se fusilase a ninguén sen xuízo, e mantivéronse ata que as autoridades rebeldes, descontentas, mandaron o alcalde para o castelo da Palma por ser militar. O secretario enfermou e logo morría. Ao seu enterro coruñés foi un tren cheo de feneses agradecidos, vivos gracias á teima legalista daqueles homes.
O peor dos horrores foi a incerteza. Non se sabía a quen querían matar nin polo que. Matouse de todo, mesmo “hijas de María”. Matouse en toda a Galicia Mártir, de Fene a Castroverde.
Alí fusilaron a Carme Sarille porque o seu irmán Bonifacio, fuxido, non se entregaba; e, xa morta, os falanxistas executores aínda se atreverían a furgarlle para comprobaren se a mociña devota da Virxe se conservaba virxinal.
“Polos fillos dos fillos”, texto no que se contan tales feitos, non é para lectores aos que lles trema a man co arrepío. Xosé Manuel Sarille, o autor, cumpriu con esa docunovela o máis duro dos deberes: deixar por escrito canto fai preguntarse se o que importa é rescatar da ocultación os criminais e os seus instigadores -con nomes e cargos, civís, militares, eclesiásticos- ou salvar do esquecemento as víctimas, inscritas con falsidade no rexistro das defuncións…
A ría de Ares fulxe, mais o seu fulgor non cega a memoria dos que oíron dos pais historias semellantes e queren transmitilas aos fillos para que nunca máis acontezan. Loan o traballo dun fillo que soubo escoitar o pai. Sarille, historiador, sabe que “verba volant, scripta manent”, dito antigo que aumenta de valor nos tempos da escritura sen papel: desde un libro ou desde un servidor da arañeira, o que importa é axudar a que a xustiza triúnfe. Comezando polos mortos do propio sangue.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 20/07/2003]

Share