Moisés en Venecia (Caderno da vida, 13/07/2003)

Venecia no verán cheira peor que nos tempos de frío e brétema melancólica sobre o golfo. Xúntase a sucidade dos canais coa suor colectiva dos infinitos turistas e o cheirume induce a deixar pola popa unha xoia do mundo. O barco busca saída da lagoa cara ao Adriático e vese mergullar ao lonxe torres capaces de provocarlle soños a quen non ten sono. Quizais a sensación de que o Oriente comeza alí sexa o que fascina e levanta a presión da fantasía.
Os pasaxeiros do transbordador comentan a estampa de despedida en mestura coas visións do que se deixa. Ao pouco a conversa cae sobre o futuro da cidade que se afunde, que se sabe sometida á tiranía das enchentes. Din os expertos que o solo mariño non aguanta co peso das edificacións e que a axitación da lagoa, con tanto barco a motor, traballa de máis contra os cimentos e as proteccións que se deseñaran en tempos de remo e vela. Tamén se asegura que o nivel do mar está a subir polo efecto invernadoiro, e que isto só o pode salvar Moisés.
Moses –Moisés en lingua allea ás latinas do Occidente— é o acrónimo bíblico do plan técnico para a salvación da cidade do Carnaval. Consiste en deter as mareas que fan da praza de San Marcos unha piscina a penas con subiren un metro. Os enxeñeiros italianos veñen de inventar o que en tempos da construcción da catedral os tería levado á fogueira por tentaren a Deus. Vanse montar esclusas nas saídas da lagoa ao Adriático, e unhas comportas ocas, que poden xacer cheas de auga no fondo ou erguerse por flotación con aire a presión ata pecharen as bocas que non cerran as esclusas. O custo, dous mil cincocentos millóns de euros…
Á vista da costa dálmata, rochosa e arborada, na procura das illas croatas uns galegos comentan que o gasto para manter Venecia a flote é máis digno có de extraer chapapote do Prestige. Se cadra os constructores venecianos desafiaron a Deus na Idade Media, pero os funcionarios de Madrid tentaron o demo no Século da Información.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 13/07/2003]

Share