Da Toxa á Baía (Caderno da vida, 06/07/2003)

A Toxa, branco balneario na illa verde. Belo paseo con cheiro a salitre. Circunstancia para unha despedida.
— Tróuxenche as túas cartas porque quizais queiras descubrir o que eras polo que escribías —un amigo tende a outro un arquivador de fol no que van aparecendo sobres. Os enderezos son de Vigo, Lisboa, Madrid, Montreux, Nova York, Río, Baía… Deles dedúcese unha vida emigrante, desde a aldea montañesa onde chaman “veigas” aos leiros ata o burgo marítimo que abre portas ao mundo; e, desde alí, a calquera lugar.
— Pero, ¿por qué non as gardas ti? Son túas, non miñas —protesta o autor das misivas.
— Porque lle vou dar unha volta a todo. Voume para a Baía, a gozar o que a vida aínda queira darme. Á fin das contas é un retorno ás orixes; e nunca deixarei de vir ao teu Impaís, ho, que un galego de raza sempre ten saudades dun cocido e dun centolo en comida.
Un retorno ás orixes, porque —xa o dicía Jorge Amado, relator do Brasil baiano— os galegos levaron o pan á terra mulata de Todos os Santos. Un daqueles panadeiros foi o avó do que agora se vai recoller nas praias da Baía; e de Salvador viñeron os capitais con que a familia montou negocios en Portugal e Francia, cos que pagou estudios en Compostela. Galicia foi unha constante patriótica para eles. A aldea matriz, un tabernáculo. Legáronlle tumbas e monumentos.
— A casa de Vigo fica pechada —segue a explicación—. Comprei unha lindísima alá. Diante dela fan os cultos á deusa do mar. Xa che mandarei o enderezo, e non me faltes.
O paseo continúa, nun repaso á galería de retratos que se abre co de Ramón Piñeiro, primeira relación común. O que se vai deixa Galicia amargurado.
— Volvín á Nosa Terra pero non me deixastes facer o que quería —conclúe, e recorda ao amigo o epitafio que, gravado en bronce, leva consigo para alén do mar—: Cá jaz um galego que não ensinou quanto sabia e já não pode seguir ensinando.
Silencio. Resumo de vida. Unha vela alba marca rumbo a Poñente sobre o verdiazul arousán.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 06/07/2003]

Share