O perigo da Citroën (Caderno da vida, 29/06/2003)

Bretaña é un xeito de Galicia do futuro segundo a conciben os partidarios de “la modernidad”: terra de mar poderoso e campos fértiles na que se esgota o son dunha fala patrimonial, sempre molesta porque lembra o pasado cheo de atrasos, fillos da distancia ao Centro. París racionalizou francesamente como traer o progreso e hoxe a provincia vibra entre verdores atlánticos e fisterráns, con música de gaita ao fondo.
Ten centros especializados nas telecomunicacións “numériques” e institucións dedicadas a transferir —con acerto— o coñecemento desde a universidade ás empresas. Mesmo a agricultura e a piscicultura dan exemplos europeos entre leiros e ondas. A construcción de automóbiles é importantísima, pola fábrica de Citröen, o “maior empregador da rexión”, e a miriada de compañías que a serven ao longo da cadea productiva…
A vida, que se fai de coincidencias, leva nas calores tenras do xuño bretón a un encontro de restaurante, con mariscos aceptables e viño branco francés moi promocionado. Nunha mesa falan galegos e portugueses de albariños e “alvarinhos”, distinguindo elaboracións e resultados alén da ortografía, e bótanse de menos os divinos percebes da Ferrolterra. En mesa próxima fálase, en francés, do desemprego.
Á sobremesa, un dos supostos franceses achégase aos veciños galaicoportugueses. Identifícase como vigués e sindicalista en Francia. Na rexouba, fronte á loanza das técnicas da Citröen que fan os compatriotas, é crítico: París non cede nada ao deseño, “la création” non é bretona. Só a producción. E un perigo paira sobre a provincia extrema: que a marca vaia mal por circunstancias alleas á Bretaña. Non se pode depender tanto dunha fábrica, insiste o achegado; e dá receitas de diversificación industrial creativa. Despois, coa ollada perdida de saudades, entra no Celtiña e Balaídos.
— Vigo está nas mans da Citröen —conclúe—, como o voso Ferroliño está nas da Bazán. Se espirran eses monstros, hai pulmonía dobre en toda Galicia.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 29/06/2003]

Share