A actitude innovadora (Caderno da vida, 22/06/2003)

IGAPE, décimo aniversario. A súa directora xeral ten a xentileza de convidar á festa os que foran directivos da institución, pensada para curar a anemia empresarial do Impaís. Na xuntanza séntese o baleiro de quen xa non é deste mundo, compréndense certas ausencias pero outras, non; porque de ben nacidos é ser agradecidos e o IGAPE deu ocasión a moitos para tentaren realizar quimeras de progreso que lles andaban na cabeza.
Na calor abafante dunha sobremesa en Calo, o conselleiro encargado de levar a diante o empeño fai recordatorio de arelas e méritos, e incita a celebrar moitas máis décadas de servicio a Galicia. Polas mesas da coidada pitanza (con toques femininos, que señora é a xefa) fálase do pasado e do presente, e mesmo do porvir incerto da industria galega. Innovación é palabra repetida por veces con tons de amargura entre profesores e directivos de empresa disposta a sobrevivir. Percórrense sectores industriais e valórase como imprescindible a xestión do coñecemento dirixida a innovar continuamente. Hai preocupación, que chega á Xunta e dá solucións alomenos formais.
– Xa temos consellería de Innovación, ¿ou non? -insiste un rexoubador, fumador e tranquilo…
Ao día seguinte, tamén de calor que abraia, visita a Coruña un ilustre profesor da Faculdade de Engenharia do Porto, membro de afamado instituto de transferencia tecnolóxica.
O profesor e o seu equipo de traballo participan na reconstrucción de Angola en paz. Por iso, durante o xantar nun restaurante de innovación continua, o convidado portugués relata un purgatorio de petróleo e diamantes, de infraestructuras por construír, de empresas por levantar. E de cando en cando vira os ollos para a “Portugaliza” como el chama, e para o exemplo industrial a dar na África de fala común. No remate, sentencia:
– Inovação não é coisa de governos. É uma questão de actitude vital.
(Mais, se cadra, hai actitudes fomentables desde os gobernos: abonda con ollar para a Escandinavia.)

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 22/06/2003]

Share